A Xunta destaca en Ponteceso que un de cada tres profesionais do forestal galego traballa na provincia da Coruña

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliña a relevancia desta industria nun encontro informativo celebrado en colaboración coa Asociación de Talleres de Carpintería de Madeira de Bergantiños e A Costa da Morte (Atacarma)

Indica que a industria forestal é clave para potenciar a Galicia máis verde, fomentando a sustentabilidade como modelo de diferenciación e competitividade

Lembra que a Xunta ten activa unha convocatoria de axudas por valor de 10,4 millóns de euros para realizar investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais

A próxima semana prevese activar así mesmo un programa dotado con 2 millóns destinado ás empresas da segunda transformación da madeira e o sector contract

Ponteceso (A Coruña), 11 de marzo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Ponteceso nunha xornada informativa organizada en colaboración coa Asociación de Talleres de Carpintería de Madeira de Bergantiños e A Costa da Morte (Atacarma). No encontro, celebrado na Fundación Eduardo Pondal, Conde puxo en valor o peso da industria forestal na comarca, sinalando que un de cada tres profesionais do sector forestal en Galicia traballa na provincia da Coruña, que suma tamén un terzo das cortas de madeira totais do 2018.

O conselleiro, que tivo a oportunidade de escoitar as propostas e inquedanzas dos empresarios e autónomos participantes na xuntanza, sinalou que a industria forestal é clave para potenciar a Galicia máis verde, fomentando a sustentabilidade como modelo de diferenciación e competitividade.

Conde destacou que o sector traballa para ser máis grande e máis competitivo, e lembrou que, para apoiar este esforzo, a Xunta ten activa unha convocatoria de axudas por valor de 10,4 millóns de euros, cofinanciada con fondos Feader, para realizar investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais. A próxima semana prevese activar así mesmo, tal e como xa se informou no Consello da Xunta, un programa por 2 millóns destinado ás empresas da segunda transformación da madeira e o sector contract, co que se apoiarán os investimentos dirixidos á valorización, potenciación, innovación e mellora neste eido.

No encontro celebrado este serán en Ponteceso tamén se achegou información sobre as diferentes axudas en ámbitos como a eficiencia enerxética ou os investimentos empresariais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/03/2020