A Xunta somete a información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto de trazado da Circunvalación leste de Ourense, entre a estrada OU-105 en Bemposta e a N-525

O prazo de presentación de alegacións vai dende o 16 de marzo ata o 29 de abril

O trazado está recollido no Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, aprobado no Consello da Xunta do 20 de Outubro de 2014

O investimento previsto para estas obras será de en torno a 4,9 millóns de euros

Trátase de prolongar a estrada OU-510, que une a OU-536 no Ceboliño coa OU-105 en Bemposta, ata conectala coa N-525 e a A-52, conformando unha circunvalación

A vía, de case 1,5 km, iníciase na glorieta situada na OU-105, que supón o fin do tramo anterior entre Rairo e Bemposta, e remata nunha rotonda sobre a N-525

Esta vía acurtaría a distancia de conexión coa A-52 e aliviaría o tráfico doutras estradas como Marcelo Macías ou a Avenida de Zamora

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto de trazado da Circunvalación leste de Ourense, entre a estrada OU-105, en Bemposta e a N-525.

O prazo de presentación de alegacións ábrese o 16 de marzo e prolóngase ata o vindeiro 29 de abril. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa ao anuncio: https://bit.ly/2Wgrbvr

Cómpre lembrar que o trazado está recollido no Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, aprobado no Consello da Xunta do 20 de Outubro de 2014.

O investimento previsto para estas obras será de en torno a 4,9 millóns de euros, aínda que se concretará no proxecto de construción que se redactará tras a aprobación da avaliación de impacto ambiental.

Trátase da prolongación da estrada OU-510, que une a OU-536 no Ceboliño coa OU-105 en Bemposta, ata conectala coa N-525 e a A-52, pechando un vial de circunvalación perimetral de Ourense.

Esta infraestrutura viaria implicaría un importante acurtamento da distancia de conexión coa A-52 e aliviaría o tráfico doutras estradas como a OU-540 (Marcelo Macías) ou a Avenida de Zamora.

A vía proxectada conta cunha lonxitude de 1.456 metros e discorre entre os termos municipais de Ourense e San Cibrao das Viñas.

O trazado iníciase na glorieta situada na OU-105, que supón o fin do tramo anterior entre Rairo e Bemposta, e remata nunha rotonda sobre a N-525 para distribuír o tráfico entre as vías que conflúen nela.

O proxecto contempla a execución dunha ponte sobre o río Barbaña, con 70 metros de lonxitude, unha obra de paso baixo o ferrocarril e unha obra de paso para reposición de camiños.

Data de actualización: 13/03/2020