O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe por videoconferencia coas distintas delegacións do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga)
A Xunta pon á disposición dos axentes sociais unha guía con recomendacións para previr o coronavirus en todos os centros de traballo

A guía estará á disposición das confederacións de empresarios, sindicatos, cámaras de comercio, asociacións de autónomos, federacións de comerciantes e clústers galegos

Inclúe medidas preventivas básicas que se deben de ter en conta nos centros de traballo segundo as informacións das autoridades sanitarias

A prioridade é garantir a seguridade daquelas persoas que deben acudir aos seus postos de traballo de acordo ao establecido no Real Decreto aprobado polo Goberno

Ademais de información xeral sobre esta doenza, o texto recolle recomendacións dirixidas ás empresas, aos autónomos e ás persoas traballadoras

“O labor máis importante que podemos facer agora é trasladar confianza ao tecido empresarial e aos traballadores”, di Conde

Agradece aos traballadores do Issga o seu labor de asesoramento e información, e a súa implicación na elaboración desta guía, o que demostra, di, “a súa vocación de servizo público”
 

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro a través de videoconferencia coas diferentes delegacións do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) encargadas da elaboración dunha guía onde se recollen as medidas de prevención fronte ao coronavirus que se deben adoptar en todos os centros de traballo e que xa foi trasladada aos diferentes axentes sociais.

A guía, que a Xunta puxo á disposición das confederacións de empresarios, sindicatos, cámaras de comercio, asociacións de autónomos, federacións de comerciantes e clústers galegos, inclúe medidas preventivas básicas que se deben de ter en conta nos centros de traballo segundo as informacións das autoridades sanitarias sobre o coronavirus. A prioridade é garantir a seguridade daquelas persoas que deben acudir aos seus postos de traballo de acordo ao establecido no Real Decreto aprobado polo Goberno. Así, ademais de información xeral sobre esta doenza, o texto recolle recomendacións dirixidas ás empresas, aos autónomos e ás persoas traballadoras.

Para as empresas recomenda elaborar un procedemento de prevención e identificar ao persoal especialmente sensible a este risco - embarazadas, traballadores con enfermidades crónicas ou con patoloxías recorrentes, etc.- por se fose necesario establecer medidas específicas para a súa protección ou modificar as súas funcións dentro da empresa. Tamén fala da necesidade de distribuír entre o persoal material informativo para prever o contaxio do coronavirus, coas pautas a seguir no caso de que unha persoa estea afectada pola doenza. Comina ás empresas a establecer medidas de distanciamento social e a restrición de viaxes segundo indiquen as autoridades en cada momento. E, por último, recolle información sobre a limpeza dos centros de traballo.

Con respecto ás persoas traballadoras, este documento detalla máis en profundidade hábitos hixiénicos a ter en conta e como actuar no caso de sospeita de infección. Neste sentido, lembra que de padecer a doenza ou estar sometido a illamento preventivo, o traballador ten dereito á baixa nas mesmas condicións que as de accidente de traballo.

Trasladar confianza ao tecido empresarial

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde insistiu en que a prioridade neste momento é aplicar as medidas de prevención recomendadas para minimizar o impacto desta situación, e sinalou que “o labor máis importante que podemos facer agora é trasladar confianza ao tecido empresarial e aos traballadores”.

Conde concluíu agradecendo aos traballadores do Issga o seu labor de asesoramento e información, e a súa implicación na elaboración desta guía, o que demostra, dixo, “a súa vocación de servizo público”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/03/2020