A Consellería do Mar establece un protocolo de servizos esenciais para garantir a actividade portuaria pesqueira

As directrices oriéntanse a facilitar o subministro de servizos básicos aos mercados e evitar a propagación do COVID-19 nos portos

Todos os peiraos serán atendidos por alomenos un celador con capacidade de asistencia presencial

Nas instalacións náutico recreativas a circulación de persoas e vehículos queda restrinxida a necesidades básicas

O servizo de practicaxe mantense en casos de necesidade inevitable

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2020

A Consellería do Mar vén de elaborar un protocolo de servizos esencias que rexerá a actividade portuaria durante o tempo de vixencia das medidas especiais derivadas da emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus COVID-19. Este protocolo de servizos esenciais oriéntase a garantir a actividade portuaria pesqueira, facilitando o subministro de servizos básicos aos mercados, e evitar a propagación do virus nos peiraos de titularidade autonómica.

O carácter fundamental do tráfico marítimo no abastecemento de mercados obriga a manter as actividades portuarias en condicións de operatividade para as que se fan necesarios os servizos básicos de vixilancia e control das instalacións. En particular, o protocolo céntrase nas tarefas dos celadores gardapeiraos, figuras esenciais para garantir o bo funcionamento das tarefas pesqueiras e comerciais, sempre dentro do respecto ás condicións de seguridade destes traballadores.

Así, o protocolo recolle que, pese a que as oficinas portuarias permanecerán pechadas ao público e a atención delas será telefónica, todos os peiraos serán atendidos por alomenos un celador con capacidade de asistencia presencial para todas aquelas tarefas que non poidan desenvolverse de xeito telemático. Nestes casos limitarase o contacto interpersoal e respectaranse as instrucións indicadas polas autoridades sanitarias. En canto aos elementos de uso común, serán convintemente desinfectados antes da súa devolución á oficina ou almacén portuario para evitar posibles contaxios en posteriores usos.

Polo que respecta aos portos deportivos, durante a vixencia do estado de alarma polo COVID-19, a circulación de persoas e vehículos quedará limitada ás necesidades básicas. Deste xeito, a Consellería do Mar recomenda manter só servizos esencias en cada instalación e unicamente o persoal indispensable para realizar tarefas básicas como o control das instalacións, amarre, subministro de auga, electricidade e carburante no seu caso. Os salóns ou estancias de uso común deberán permanecer pechados.

Finalmente, en relación ao servizo de practicaxe, manterase en caso de necesidade inevitable e para o seu desenvolvemento seguiranse todas as directrices de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 16/03/2020