Medio Ambiente suspende a venda de permisos de pesca fluvial e permite a apertura de tendas de alimentación animal

O prazo para proceder a apertura de venda estará determinada polo levantamento das restricións establecidas para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural tamén habilitará un procedemento para a devolución das taxas dos permisos coincidentes coas datas da alarma

Apela á colaboración cidadá e só os propietarios sen síntomas poderán sacar a pasear aos seus cans de xeito individual

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2020

En cumprimento das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia con motivo da declaración do Estado de alarma, declarada polo Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo, para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda decide suspender a venda de permisos de pesca fluvial. Así se fai público na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, accesible a través do enderezo: https://pescafluvial.xunta.gal/

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural tamén quere trasladar que no momento en que se declare o levantamento das restricións establecidas -como consecuencia da declaración do estado de alarma- volverase a habilitar novamente a posibilidade de acceder a súa venda.

Asemade, a Consellería de Medio Ambiente tamén habilitará un procedemento para a devolución das taxas correspondentes aos permisos de pesca fluvial coincidentes coas datas de vixencia do presente estado de alarma. As taxas aboadas para a expedición dun permiso van desde os 2 euros para a pesca sen morte ata os 13 euros, para pesca de 1º categoría (valida para a captura de salmón e resto de especies).

Animais de compañía

Asemade, a Xunta de Galicia quere informar de como a declaración do Estado de alarma incide na tenza responsable de animais de compañía. Recórdase que poderán permanecer abertas as tendas de alimentación de animais, así como os servizos veterinarios. Asemade o persoal dos centros de acollida seguirá acudindo a alimentar e coidar dos animais que se atopen ingresados nun centro destas características e os técnicos dos centros de recuperación de fauna silvestre continuarán co desenvolvemento das súas funcións.

Tamén se recorda que só os propietarios sen síntomas poderán sacar aos seus cans a pasear, de xeito individual; co fin de que os cánidos poidan facer as súas necesidades. Non obstante, non será necesario limpar con ningunha sustancia desinfectante a zona defecada, tras a retirada da feces do can.

Recórdase que a información científica indica que os animais de compañía non padecen nin transmiten o coronavirus.

Data de actualización: 16/03/2020