A Xunta publica na Plataforma de Contratos de Galicia o anuncio previo de licitación das obras de ampliación do Ifevi para acurtar os prazos administrativos

A iniciativa da publicación, que tamén se remitiu ao Diario Oficial da Unión Europea, ten por obxectivo reducir o prazo de presentación de ofertas cando se licite o proxecto

A licitación poñerase en marcha unha vez que o Concello de Vigo expropie os terreos necesarios e que o Estado remita os seus informes sectoriais

A Xunta de Galicia xa emitiu todos os informes sectoriais que lles correspondían aos distintos departamentos autonómicos

Proporase un plan de traballos por fases, de forma que se poida usar a envolvente do edificio como superficie expositiva

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2020

A Xunta de Galicia vén de publicar na Plataforma de Contratos da Xunta de Galicia, onde pode consultarse, o anuncio previo de licitación das obras de ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), que tamén foi remitido ao Diario Oficial da Unión Europea.

Esta iniciativa ten por obxectivo dispor de cobertura xurídica para reducir de 35 a 26 días o prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas cando se licite o proxecto. Cómpre lembrar que, para poder licitar o proxecto, primeiro o Concello de Vigo ten que expropiar os terreos necesarios e o Estado remitir os seus informes sectoriais.

Actualmente, e debido á falta dun novo Plan xeral de ordenación municipal en Vigo, a Xunta de Galicia está a tramitar urbanisticamente o proxecto de ampliación de Ifevi a través da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.

No marco deste procedemento, os diferentes organismos da Administración autonómica xa emitiron os informes sectoriais que lles foron solicitados, e só están pendentes os correspondentes á Administración xeral do Estado.

As obras previstas consisten na execución da ampliación na zona traseira do actual pavillón 3 do Instituto Feiral de Vigo, prolongándoo co seu mesmo deseño, xa que ten demostrado a súa óptima adaptación á demanda de polivalencia de usos. Prevese unha nova superficie construída de 6.087,86 metros cadrados, fundamentalmente para espazo expositivo (4.667,68 m2) e instalacións, e o acondicionamento de 1036,75 metros cadrados do edificio existente, para aseos, vestiario, almacéns, circulacións e camerinos.

Para a execución das obras será necesario realizar traballos previos de ocupación, demolicións e explanación do terreo, cimentación mediante zapatas sostidas por pilotes, pilas prefabricadas de formigón, estrutura metálica de soporte de cuberta e cuberta de panel sándwich de chapa galvanizada. No proxecto, ademais, prevese a urbanización cunha vía e peche do perímetro exterior. Finalmente, o edificio contará con instalacións contra incendios, mecánicas, de climatización, saneamento, fontanería, eléctricas, iluminación e instalacións especiais.

O plan dos traballos preverá que nunha primeira fase se execute a envolvente do edificio, susceptible de uso provisional como superficie expositiva, e despois se complete a execución das instalacións e a urbanización exterior. O orzamento de licitación é de 7,2 millóns de euros e o prazo total de execución establécese en 6 meses.

Data de actualización: 17/03/2020