O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe por videoconferencia con representantes da Asociación Galega da Empresa Familiar
A Xunta agradece a predisposición da empresa familiar galega a consensuar medidas para achegar solucións económicas ás pemes e aos autónomos

Na xuntanza, Conde trasladoulles que a Xunta está analizando as medidas adoptadas polo Goberno e que está estudando como complementalas con novos apoios que se van avaliar no Consello do vindeiro venres

Subliña que as achegas dos diferentes axentes sociais van ser fundamentais á hora de mellorar e completar desde Galicia as iniciativas propostas polo Goberno, prestando especial atención aos traballadores e ás súas familias, ás pemes e aos autónomos

A empresa familiar súmase á rolda de consultas coas confederacións de empresarios, sindicatos, cámaras de comercio, clústers e autónomos para abordar a situación provocada polo coronavirus e, nesa rolda de contactos, a empresa familiar é un colectivo estratéxico

Asegura que, neste momento, o obxectivo prioritario da Xunta, é traballar desde consenso e o diálogo coa prioridade de garantir a saúde das persoas e, polo tanto, a seguridade dos traballadores e traballadoras

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe por videoconferencia co presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, e coa xunta directiva da entidade, para avaliar o impacto económico do coronavirus. Conde agradeceulles a predisposición a colaborar e promover, desde o consenso, medidas que acheguen solucións económicas e laborais para as pemes e os autónomos.

O conselleiro trasladoulles que a Xunta está analizando as medidas adoptadas polo Goberno e que está estudando como complementalas con novos apoios que se van avaliar no Consello do vindeiro venres. Nese sentido, as achegas dos diferentes axentes sociais, engadiu, van ser fundamentais á hora de mellorar e completar desde Galicia as iniciativas propostas polo Goberno, prestando especial atención aos traballadores e ás súas familias, ás pemes e aos autónomos.

Segundo apuntou, o Executivo autonómico está facendo unha rolda de consultas coas confederacións de empresarios, sindicatos, cámaras de comercio, clústers e autónomos para abordar a situación provocada polo coronavirus e, nesa rolda de contactos, dixo, a empresa familiar é un colectivo estratéxico para a economía galega.

O obxectivo da Xunta, enfatizou, é traballar desde consenso e o diálogo coa prioridade de garantir a saúde das persoas e, polo tanto, a seguridade dos traballadores e traballadoras. Unha vez cumprida esa premisa, engadiu, o seguinte obxectivo é o mantemento da actividade empresarial e dos empregos asociados co Goberno central, e, desde a Xunta, impulsaremos un conxunto de medidas económicas, financeiras e laborais. Primeiro, para dotar de axilidade a resposta da Administración e para ser útiles nun momento de enorme dificultade onde a situación sanitaria do noso país é a prioridade, pero no que estamos, tamén, traballando para manter a actividade industrial e garantir que Galicia pode facer fronte tamén desde o punto de vista económico ao impacto do coronavirus”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/03/2020