A conselleira do Mar mantivo unha xuntanza por videoconferencia co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación e co resto de conselleiros autonómicos do ramo
Galicia demanda ao Estado axudas directas para a cadea mar-industria ante a crise do coronavirus e defende cambios no Fondo Europeo Marítimo e de Pesca con ese obxectivo

A Xunta defende a posibilidade de empregar de forma directa os fondos europeos dispoñibles ou non empregados ata o momento coa finalidade de optimizar o seu uso e axudar ao sector ante os efectos da alerta sanitaria

A Consellería do Mar solicita axudas directas e indirectas para o complexo mar-industria e medidas como rebaixas fiscais ou bonificacións do 100% nas cotas á Seguridade Social

O Executivo galego considera necesario habilitar liñas de crédito para afrontar os danos causados pola situación de estado de alarma como pode ser a caída de produción nas zonas marisqueiras

Rosa Quintana pide ao Estado que aclare as normas e protocolos de actuación para as lonxas, a frota pesqueira, o marisqueo, o transporte de traballadores ou o persoal de salvamento para evitar a expansión do coronavirus

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe unha xuntanza por videoconferencia co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e co resto de conselleiras e conselleiros autonómicos do ramo para analizar a situación xerada no sector primario polo coronavirus COVID-19 e estudar posibles medidas a adoptar para facerlle fronte. A titular de Mar trasladoulle que Galicia solicita a habilitación de axudas directas e indirectas para o complexo mar-industria co obxectivo de superar as dificultades derivadas da alerta sanitaria actual e a modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para optimizar o uso dos seus recursos.

O Executivo galego considera axeitado, na liña do exposto polo Goberno central, que a crise xerada polo COVID-19 sexa considerada como algo excepcional, o que permitiría a entrada en vigor de axudas de Estado por motivo de desastres naturais, ao tempo que tamén apoia o incremento das axudas de mínimis á pesca e a acuicultura ata os 75.000 euros. Non obstante, e á marxe dalgúns axustes nestas medidas, Galicia tamén estima conveniente modificar o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para empregar de forma directa os fondos dispoñibles ou non empregados ata o momento coa finalidade de optimizar o seu uso e reducir o menoscabo dos fondos públicos estatais e autonómicos na loita contra esta crise.

A conselleira do Mar apostou tamén por introducir outros cambios no FEMP de xeito inmediato que permitan que entre as medidas de paralización temporal da actividade estean as derivadas dunha situación de crise de saúde pública coma esta.

Entre as medidas de apoio ao sector marítimo-pesqueiro solicitadas pola Xunta tamén se inclúen beneficios fiscais para as empresas do sector como a redución do Imposto sobre Actividades Económicas de 2020 ou a rebaixa dos índices ou módulos aplicables ás actividades pesqueira, marisqueira e acuícola. A isto súmase a petición dunha bonificación do 100% nas cotas da Seguridade Social mentres estea en vigor o estado de alarma, considerándose como cotizado o tempo que dure esta situación.

O Executivo galego tamén trasladou ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación a necesidade de habilitar outros mecanismos como liñas de crédito que permitan a reposición ou reparación dos danos causados pola declaración do estado de alarma. Entre os casos a cubrir estarían, entre outros, os produtos do mar deteriorados pola falla de demanda ou a imposibilidade de retirada e posta no mercado, a restauración de zonas de marisqueo danadas ou con menor produción pola ausencia de actividade ou a perda de ingresos por taxas das entidades xestoras de centros de primeira venda de produtos do mar.

Nesta liña de apoiar ao conxunto do complexo mar-industria ante esta difícil situación, a Consellería do Mar tamén trasladou ao Estado unha dobre estimación sobre as perdas potenciais para a pesca e o marisqueo como consecuencia desta crise ao tempo que fixo un cálculo das cantidades de axudas que serían necesarias para o sector marítimo-pesqueiro.

Todas estas medidas de apoio, incidiu Rosa Quintana, deben saír fundamentalmente do FEMP e deben incluír como beneficiaria a toda a cadea mar-industria (conserveiras, sector do conxelado, depuradoras ou cocedoiros) como afectada pola paralización da actividade. De feito, a titular de Mar puxo como exemplo a peculiar situación que se vive no marisqueo e nas empresas depuradoras vencelladas a el, cunha demanda moi baixa de marisco polo peche dos locais de hostalería e as dificultades que atopan para colocar un produto ao que é difícil darlle saída máis aló do mercado en fresco.

Aclaracións sobre os protocolos de actuación

O encontro tamén serviu para que a Xunta solicitase ao Goberno estatal unha maior concreción das normas de actuación no eido do mar ante o coronavirus e que non están recollidas, ou son pouco claras, na declaración de estado de alarma realizada polo Executivo. Neste sentido, a titular de Mar demandou instrucións específicas sobre a pertinencia de abrir as lonxas e sobre o desenvolvemento da actividade nelas así como directrices para as distintas frotas e pautas de actuación ante posibles contaxios a bordo.

Tamén solicitou que se clarifiquen as condicións de transporte e se estableza de xeito preciso se hai a posibilidade de compartir vehículo en casos como o traslado das tripulacións ou dos traballadores das empresas conserveiras para que o sector non teña dúbidas e poida cumprir as normas. Precisamente, ante a falla de claridade neste sentido, o Executivo galego enviou nos últimos días distintas circulares ao sector afectado con recomendacións e suxestións de comportamento nas lonxas, buques pesqueiros ou no marisqueo, entre outros, para traballar en condicións de seguridade e evitar na medida do posible os contaxios.

Entre as consultas realizadas pola Consellería do Mar ao Estado tamén estivo a relativa ás instrucións do Goberno en relación coas quendas e dispoñibilidade de profesionais que debe darse nos servizos de rescate, salvamento e loita contra a contaminación mariña do conxunto do Estado, como é o caso do Servizo de Gardacostas de Galicia, efectivos que o Executivo central ten á súa disposición e coordina en caso de emerxencia.

A representante da Xunta pediu ademais que o Estado faga un seguimento da evolución da actividade comercial dos produtos do mar durante esta crise sanitaria pois a súa caída podería levar aparellada a paralización da actividade pesqueira, marisqueira, acuícola e do sector transformador. Ese seguimento permitiría poñer de xeito inmediato a disposición do sector, en caso de que fose necesario, axudas directas e indirectas para paliar as perdas económicas e sociais derivadas desa situación.

A conselleira do Mar lembrou que nestes días, aínda que non se poden celebrar reunións, segue en contacto permanente co sector por vía telemática ou telefónica para tratar de solucionar os problemas que xorden no seu traballo diario e para escoitar as súas suxestións co obxectivo de estar coordinados e trasladar convenientemente as esixencias de Galicia tanto ao Goberno do Estado como á Comisión Europea.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 19/03/2020