A conselleira de Política Social e os demais representantes autonómicos da área social mantiveron un Consello Territorial por videoconferencia co vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias
A Xunta reclama ao Goberno central que envíe de xeito urxente material de protección para os profesionais das residencias e de atención a domicilio

Os equipos de protección individual, cuxo subministro está centralizado no Goberno central, serán repartidos polo Exército

Lamenta que a achega para Galicia dentro do Fondo social extraordinario se reduza en oito millóns, desde os 25 previstos inicialmente ata os 17 millóns cos que se contará finalmente

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, fixo fincapé na necesidade urxente de que cheguen a Galicia novos equipos de protección individual (EPIs), cuxo subministro está centralizado polo Goberno central e que xa foi reclamado en diversas ocasións. Este material de protección será distribuído polo Exército entre os centros que o necesitan, a medida que o Ministerio de Sanidade vaia poñéndoos á disposición.

Fabiola García trasladou ao Goberno central esta demanda de Galicia durante a reunión por videoconferencia do Consello Territorial do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, presidido polo vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030 do Goberno de España, Pablo Iglesias.

Así mesmo, a conselleira lamentou que o Goberno central reducise en oito millóns a achega que lle corresponde a Galicia dentro do Fondo social extraordinario habilitado para paliar as consecuencias do COVID-19. Segundo o criterio de reparto anunciado o martes, á nosa comunidade corresponderíanlle en torno a 25 millóns de euros, mentres que na distribución definitiva a asignación de Galicia redúcese ata os 17 millóns de euros. Tamén lle trasladou a Iglesias o malestar da nosa comunidade polo escaso peso que teñen no criterio de reparto factores como o envellecemento ou a dispersión da poboación, que son fundamentais para definir o custe dos servizos sociais.

O Consello Territorial aprobou tamén a flexibilización dos criterios de acreditación dos profesionais que traballan nos servizos sociais, para garantir a dispoñibilidade de persoal para manter a atención nestes ámbitos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/03/2020