Ampliado o prazo de inscrición á primeira convocatoria de consolidación da BFFood

A data de peche definitiva de recepción de candidaturas establecerase unha vez finalice o estado de alarma decretado polo Goberno

Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Capsa Food (Larsa), Clavo Food Factory, Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), Congalsa, Dairylac, Gadis, Kiwi Atlántico, Quescrem, Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira encargaranse do proceso de mentoría das iniciativas que resulten seleccionadas

Especializada no sector alimentario, a BFFood forma parte de StartIN Galicia, a plataforma que agrupa a todas as acelaradoras de proxectos empresariais que apoia a Administración autonómica
 

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2020

A Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta e o Clúster Alimentario de Galicia, amplía o período de inscrición de candidaturas á súa primeira convocatoria de consolidación. A data definitiva de peche de recepción de propostas decidirase unha vez que finalice o estado de alarma decretado polo Goberno con motivo da alerta sanitaria xerada polo coronavirus.

O programa de consolidación da BFFood está enfocado a empresas xa constituídas, con menos de seis anos de antigüidade, cun produto ou servizo definido e primeiras vendas xa realizadas, e aliñadas con algún dos retos que busca resolver o sector alimentario.
A presentación de solicitudes debe facerse a través do formulario de inscrición dispoñible na páxina web da aceleradora: bffood.gal/inscripcion.

Ata seis proxectos poderán ser seleccionados nesta convocatoria de consolidación na que recibirán formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento, así como financiamento mediante un préstamo participativo por parte da Xunta –a través de XesGalicia–, que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 euros.

A BFFood forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Esta nova convocatoria conta co apoio de grandes empresas tratoras do sector, como Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Capsa Food (Larsa), Clavo Food Factory, Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), Congalsa, Dairylac, Gadis, Kiwi Atlántico, Quescrem, Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira, que se encargarán do proceso de mentoría dos proxectos que resulten seleccionados.

Entre as entidades colaboradoras atópanse, ademais, as tres universidades galegas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Anfaco-Cecopesca, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), que forman parte do comité técnico. Pola súa parte, Gradiant, Coremain, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, ASM, Cesga, a Asociación Área Empresarial do Tambre e Sigillum Knowledge Solutions integran o comité asesor da aceleradora.
 

Data de actualización: 23/03/2020