A Consellería do Mar cede aos bombeiros de Ferrol tres habitacións e unha sala da escola náutico-pesqueira durante o estado de alarma decretado polo coronavirus

O obxectivo é evitar o risco de contaxio polo Covid-19 entre os profesionais deste servizo esencial para a cidadanía

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2020

A Consellería do Mar cede aos bombeiros de Ferrol desde hoxe tres habitacións e unha sala común da escola náutico-pesqueira deste municipio como medida preventiva fronte ao coronavirus. Faino mentres dure o estado de alarma decretado polo Covid-19 e como resposta a unha solicitude do Concello.

As habitacións están situadas na segunda planta da escola dependente da Consellería do Mar e estaban libres, é dicir, son á marxe das que estaba a utilizar o alumnado. O obxectivo é que os bombeiros poidan facer uso delas durante o servizo de garda sen coincidir cos compañeiros doutra quenda coa finalidade de evitar o risco de contaxio por coronavirus entre os profesionais deste servizo esencial para a cidadanía.

Ademais, os bombeiros tamén terán á súa disposición unha sala de uso común con televisión e conexión a internet e contan cun espazo para poder aparcar o seu vehículo de traballo. Deste xeito polas instalacións habilitadas, das que se encargará o Concello de realizar as tarefas de limpeza e desinfección, irán rotando os quince efectivos que compoñen as distintas quendas.

Data de actualización: 23/03/2020