A Xunta reparte entre os concellos da área territorial de Vigo nun primeiro envío 20.000 pares de guantes e 2.000 mascarillas

Desde as delegacións territoriais estase así atendendo ás peticións máis urxentes que os municipios trasladaron a través da FEGAMP

Os delegados tda Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e Vigo, Corina Porro, están ao fronte do PMA na provincia que ten como obxectivo a coordinación entre concellos e Xunta na loita contra o COVID-19

Vigo, 24 de marzo de 2020

A Xunta, a través da Delegación Territorial de Vigo, iniciou esta mañá o reparto entre os concellos da área territorial do primeiro material urxente de protección para atender ao persoal que segue desenvolvendo funcións nos distintos servizos municipais. Concretamente, repartíronse esta mañá máis de 20.000 pares de guantes e 2.000 mascarillas entre os municipios da área viguesa.

Asemade estase a recibir na sede viguesa do Goberno galego material e equipos de protección doados por empresas como PSA Citroën Vigo ou Armon, así como pola Federación Galega da Construción. Equipos de protección individual (EPI) que inclúen guantes, cascos de protección, batas de plástico ou pantallas protectoras e que serán enviados ao Hospital público Álvaro Cunqueiro para dotar ao equipo sanitario.

Pola súa banda, a rede de centros educativos da Xunta de Galicia cedeu todo material dispoñible e susceptible na loita contra o COVID-19.

Ademais, desde a Delegación organizouse tamén a actuación do Servizo de Defensa Contra Incendios para levar a cabo a desinfección dos exteriores das residencias de maiores e discapacitados e dos centros de saúde. Concretamente, nesta provincia levouse a cabo, no día de hoxe con estes equipos de limpeza, actuacións en Redondela e Pazos de Borbén.

O Posto de Mando Avanzado, constituído o pasado sábado, está composto na provincia polos delegados territoriais da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e Vigo, Corina Porro, as respectivas secretarias territoriais, representantes de todas as xefaturas territoriais, representantes de emerxencias e da policía autonómica.

Entre os cometidos do Posto de Mando Avanzado está centralizar as peticións dos concellos en relación coas necesidades de material, en coordinación coa FEGAMP que xa conta cun formulario na súa web para recoller esa información. Ademais, actúa como un punto de información para os concellos.

O Punto de Mando Avanzado tamén está canalizando a través do 112 as ofertas de doazón de material que se reciban nas delegacións. Tamén está organizando a distribución do material a concellos, GES e UPA, cando se dispoña do mesmo, de acordo coas necesidades e instrucións establecidas polo CECOPI (Centro de Coordinación Operativo Integrado).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/03/2020