Sanidade publica a orde pola que se encomenda aos profesionais sanitarios de último ano de formación as funcións de médico e enfermeiro especialista durante a crise do coronavirus

O departamento sanitario galego recoñecerá aos citados profesionais sanitarios as percepcións económicas da categoría profesional correspondente durante o tempo que desempeñen as ditas funcións

Esta iniciativa adóptase co fin de contribuír á correcta prestación asistencial e durará en función das necesidades asistenciais

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a Orde da Consellería de Sanidade pola que se encomenda aos profesionais sanitarios de último ano de formación de determinadas especialidades o exercicio provisional das funcións de facultativo adxunto especialista, médico de familia de atención primaria, pediatra de atención primaria ou enfermeiro especialista, durante a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo coronavirus.

Deste xeito, establécese a prórroga da contratación de residentes en último ano de formación tal como esixe a norma estatal, das seguintes especialidades: Xeriatría, Medicina do Traballo, Medicina Familiar e Comunitaria; Medicina Intensiva; Medicina Interna; Medicina Preventiva e Saúde Pública; Pneumoloxía; Pediatría e as súas áreas específicas; Radiodiagnóstico; Microbioloxía e Parasitoloxía; Anestesioloxía e Reanimación; Enfermería do Traballo; Enfermería Familiar e Comunitaria; Enfermería Xeriátrica e Enfermería Pediátrica.

O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña recoñecerá aos citados profesionais sanitarios as percepcións económicas da categoría profesional correspondente durante o tempo que desempeñen as ditas funcións, así como promoverá a valoración dos servizos prestados na citada categoría/especialidade nos procesos selectivos e de provisión de postos dentro do Sistema público de saúde de Galicia.

Esta iniciativa adóptase co fin de contribuír á correcta prestación asistencial e durará en función das necesidades asistenciais derivadas da evolución da crise sanitaria e do que dispoña a normativa estatal.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 25/03/2020