Galicia pon 157 aloxamentos turísticos a disposición de traballadores desprazados, persoas en tránsito ou especialmente vulnerables durante a crise do coronavirus

A Xunta ofrece así unha alternativa aos 829 afectados polo peche de establecementos adoptado polo Goberno central que mañá entra en vigor

Os hóspedes disporán das infraestruturas necesarias para os servizos de primeira necesidade

O Goberno galego agradece a resposta do sector e subliña que todos os establecementos dispoñibles decidiron colaborar voluntariamente

A inspección turística velará porque se respecten en todo momento os requisitos esixidos e o cumprimento das normas ditadas polas autoridades sanitarias

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2020

Galicia porá 157 aloxamentos turísticos a disposición de persoas afectadas pola crise do coronavirus como traballadores desprazados que presten servizos esenciais, colectivos de especial vulnerabilidade social, como persoas sen fogar, en exclusión social e vítimas de violencia de xénero, ou cidadáns en tránsito. A través desta iniciativa a Xunta ofrece unha alternativa aos 829 afectados polo peche de establecementos turísticos adoptado polo Goberno central e que se fará efectivo mañá xoves.

Tras o anuncio efectuado polo Executivo estatal o pasado xoves, e tras manter diferentes contactos co sector, a Xunta aprobou o pasado sábado unha orde que permitiu clarificar as condicións na que os diferentes aloxamentos poderán dar servizo ás persoas afectadas pola crise do coronavirus unha vez decretado o peche. En concreto, acordouse habilitar establecementos de garda nas principais cidades e outras zonas da Comunidade e seguir dando servizo a aquelas persoas de colectivos afectados que, no momento da declaración do estado de alarma, estiveran hospedadas de maneira estable cumprindo coas recomendacións das autoridades sanitarias.

Estes establecementos non poderán ser empregados en ningún caso por persoas que decidiran saír dos seus lugares de orixe tras decretarse o estado de alarma o pasado 14 de marzo por unha razón que non estea amparada polo Real Decreto 463/2020.

Neste sentido, o Boletín Oficial do Estado recolle hoxe o listado inicial cos 37 aloxamentos remitidos pola Xunta a pasada fin de semana como establecementos de garda. Con todo, e para facer fronte á demanda de aloxamento por parte de traballadores e afectados pola crise do coronavirus –maior da prevista inicialmente polo Goberno central–, a Xunta notificou a ampliación deste listado ata os 157 establecementos, incluíndo aqueles que poden continuar ofrecendo os seus servizos aos hóspedes de longa duración damnificados por esta crise cumprindo as condicións establecidas.

As persoas aloxadas disporán nos seus espazos habitacionais das dotacións necesarias para levar a cabo os servizos de primeira necesidade. O persoal do servizo de inspección da Xunta velará porque os establecementos respecten en todo o momento os requisitos esixidos e o cumprimento das normas ditadas.

En 63 concellos de toda a Comunidade

Os aloxamentos repártense en 63 concellos da Comunidade, permitindo dar servizo aos afectados pola crise do coronavirus en todo o territorio, para responder á dispersión xeográfica de Galicia. Do mesmo xeito, abranguen diferentes tipoloxías de aloxamento, permitindo ofrecer unha resposta axeitada a cada colectivo.

O Goberno galego agradece a resposta do sector ante esta situación e subliña que todos os establecementos que darán servizo aos afectados por esta crise decidiron colaborar voluntariamente. Precisamente, para a posta en marcha desta iniciativa a Xunta habilitou un buzón a través do que se resolveron numerosas dúbidas e se canalizaron os ofrecementos por parte do sector.

Agora, para a xestión de reservas e dúbidas sobre aloxamento, están dispoñibles o teléfono 986447060 e o enderezo mice@abramar.com, empresa especializada encargada de dar soporte nestas semanas á demanda aloxativa. Do mesmo xeito, toda a información poderá consultarse na páxina web de Turismo de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/03/2020