Carmen Pomar participou hoxe na Conferencia Sectorial de Educación
Consenso xeneralizado entre Ministerio e CCAA en manter o calendario escolar e aprazar a ABAU

Avaliarase o segundo trimestre co traballo feito e modificaranse os contidos e competencias do terceiro

A ABAU desenvolverase antes do 10 de xullo, no caso da convocatoria ordinaria, e antes do 10 de setembro, no caso da extraordinaria

Ministerio e comunidades coinciden na necesidade garantirlle a equidade ao alumnado e de reducir incertezas

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Educación, convocada para analizar o impacto e as medidas en relación coa interrupción da actividade lectiva presencial con motivo da declaración do Estado de Alarma por parte do Goberno Central. No encontro houbo consenso xeneralizado de manter o calendario escolar, co obxectivo de transmitir unha mensaxe de continuidade e normalidade respecto ao ámbito académico.

Nesta liña, acordouse avaliar o segundo trimestre co traballo desenvolvido ata a interrupción das clases presenciais e modificar os contidos e competencias básicas previstas para o terceiro trimestre. Estas modificacións abordaranse nunha xuntanza en abril. Ademais, decidiuse suspender este curso as probas de avaliación diagnóstica. Carmen Pomar agradeceu o esforzo que están a facer tanto docentes como familias para manter a poboación escolar activa e contribuír así á normalidade nesta situación excepcional.

Na súa intervención, a conselleira tamén reiterou a conformidade de Galicia co aprazamento da ABAU e co modelo de exame proposto polo Ministerio, como medidas necesarias para garantir a equidade a todo o alumnado que se presente ás probas de acceso á universidade.

Así, na xuntanza consensuouse que as datas para a convocatoria ordinaria se sitúen entre o 22 de xuño e o 10 de xullo, con marxe para publicar os resultados ata o 17 de xullo, e para a extraordinaria antes do 10 de setembro, coa publicación de resultados antes do 18 dese mesmo mes. Canto ao exame, acordouse manter un modelo similar ao actual, cos mesmos tempos de realización, e aumentar a opcionalidade. O obxectivo é garantir que o alumnado poida acadar a máxima puntuación sen que llo impida o feito de non ter recibido algún dos contidos previstos.

Neste sentido, a conselleira avanzou que convocará proximamente a CIUG para abordar este tema e indicou que os tres reitores do Sistema Universitario de Galicia xa lle manifestaron a súa total colaboración para garantirlle ao alumnado a equidade no acceso á universidade.

Formación Profesional

Canto á Formación Profesional, insistiuse na necesidade de garantir que todo o alumnado titule, para o que o Ministerio anunciou a publicación dunha norma que vai fundir nun único módulo os actuais de Formación en Centros de Traballo (FCT) e de Proxecto. No caso dos ciclos de grao medio e na FP Básica, onde non existe módulo de Proxecto, establecerase un traballo final.

Na Conferencia analizouse tamén a convocatoria das oposicións ao ensino en cada Comunidade. Este tema, dada a heteroxeneidade de situacións, abordarase a vindeira semana nunha xuntanza específica.

Cómpre sinalar tamén que a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, demandoulle ao Goberno central un plan que permita a distribución de recursos para acabar coa fenda dixital nas comunidades con maior dispersión xeográfica, como é o caso de Galicia. A petición foi realizada por outras CCAA, como Asturias, Cantabria e Castela León. Trátase así de garantir o acceso de toda a poboación escolar á educación en liña.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/03/2020