Feijóo destaca unha achega de 30 millóns de euros na nova liña de financiamento dirixida a inxectar liquidez inmediata a pemes e autónomos polo COVID-19

Salienta que cubrirá operacións do dobre dos custos salariais do ano anterior ou o 25% da cifra de negocio, cun máximo de 200.000 euros

Con esta inxección de liquidez, as empresas e o colectivo autónomo poderán atender as súas necesidades máis inmediatas
 

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na nova liña de financiamento aprobada para inxectar liquidez inmediata a pemes e autónomos: unha liña específica á que a Xunta destinará preto de 30 millóns de euros para permitir a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos que contribuirán a paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial galego, asumindo a Administración autonómica a totalidade dos xuros dos préstamos concedidos nesta liña.

O presidente do Goberno galego aseverou que esta liña de financiamento para autónomos e pemes cubrirá operacións do dobre dos custos salariais do ano anterior ou o 25% da cifra de negocio, cun máximo de 200.000 euros. E os beneficiarios terán ata 4 anos para amortizar estes préstamos, facéndose a Xunta cargo dos xuros. “De media supón unha axuda directa de 9.000 euros”, abundou.

Con esta inxección de liquidez, as empresas e o colectivo autónomo poderán atender as súas necesidades máis inmediatas, tanto os gastos do día a día, como o pago de salarios, facturas, alugueres ou impostos.

O presidente do Executivo galego concluíu aseverando que a Xunta está a manter estes días unha rolda de consultas con todos os axentes sociais e económicos para escoitar as súas demandas e poñer en marcha novas medidas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/03/2020