A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantiveron un encontro por videoconferencia con representantes dos principais operadores públicos e privados de Galicia
A Xunta e o sector profesional garanten o abastecemento de auga potable á poboación durante a crise sanitaria

As empresas dispoñen de plans de continxencia con gardas de persoal e remanente de reactivos suficiente para asegurar o funcionamento das estacións de tratamento de auga

A Xunta trasladará ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a demanda unánime do sector de previsión de dotación a curto prazo de equipos de protección individual para os profesionais da auga
 

Santiago, 30 de marzo de 2020

A Xunta de Galicia e o sector profesional garanten o abastecemento de auga potable á poboación durante a crise sanitaria causada polo coronavirus. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Guitiérrez, mantiveron hoxe un encontro por videoconferencia con representantes das principais empresas públicas e privadas operadoras do sector da auga en Galicia.

No encontro, participaron representantes de Emalcsa, Viaqua, Aqualia, Geseco, Espina y Delfín, Gestagua e Emafesa.

A Xunta e o sector compartiron a importancia de que os servizos da auga sexan considerados como esenciais, unha postura defendida desde o primeiro momento polo Goberno autonómico e que quedou finalmente recoñecida no Boletín Oficial do Estado do pasado 24 de marzo.

A Consellería de Infraestruturas recoñeceu o labor das empresas e profesionais, que están a manter en condicións axeitadas os complexos servizos de abastecemento, o saneamento e a depuración de augas a pesar das dificultades.

Na xuntanza de hoxe acreditouse que as operadoras da auga deron cumprimento ás instrucións trasladadas pola Xunta e, tamén por iniciativa propia e responsabilidade, se dotaron dos imprescindibles plans de continxencia para asegurar o seu funcionamento durante a emerxencia sanitaria.

Así todas as empresas dispoñen dun plan de continxencia, con equipos de persoal de gardas e remanente de reactivos suficiente para asegurar o correcto funcionamento das estacións de tratamento de auga. Así mesmo, para previr contaxios, suspendéronse as lecturas de contadores.

Por outra banda, a Xunta consultou coas empresas sobre as súas necesidades de equipos de protección individual (EPI), respondendo todas elas que dispoñen de material para afrontar as vindeiras xornadas de traballo, se ben necesitarán aprovisionamento a curto prazo.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acordou trasladarlle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a necesidade de que se prevea a dotación de material de protección aos profesionais do sector da auga para asegurar que este servizo esencial poida continuar a funcionar nas condicións axeitadas mentres se prolongue a emerxencia sanitaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/03/2020