A Xunta publica dúas guías para facilitar o teletraballo a pemes e autónomos e cidadáns

Están xa accesibles nas webs do CDTIC e Faite Dixital con información e recomendacións para traballar desde a casa

Ademais, nestes mesmos portais poderán realizarse consultas online e publicaranse post diarios con consellos sobre ferramentas, solucións dispoñibles e consellos para un uso seguro da Rede

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2020

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe dúas guías para facilitar o teletraballo a empresas e autónomos e a cidadáns. Os documentos están dispoñibles xa nas webs do CDITC e Faite Dixital, e nelas poderán atopar información sobre ferramentas, necesidades e tecnoloxías que posibilitan o traballo en remoto.

A información das guías complementarase con post diarios que se publicarán tamén nestes portais, nos que empresas e cidadáns poderán realizar consultas online.

Guía para empresas

Pemes e autónomos poderán atopar na guía información sobre solucións e ferramentas dispoñibles para o almacenamento compartido na nube, a xestión de tarefas entre integrantes de equipos, a xestión de proxectos, suites ofimáticas ou transferencia de arquivos, ademais de consellos e orientación en materia de ciberseguridade.

O contido da guía complementarase con publicacións diarias para empresas e autónomos na web cdtic.xunta.gal e tamén cun espazo de consulta en colaboración co Clúster TIC. Pemes e autónomos poderán trasladar as súas dúbidas a través do correo teletraballo-peme@xunta.gal, que serán respostadas por profesionais do sector TIC.

A información resultante destas consultas estará a disposición de todas as empresas a través dunha sección de preguntas frecuentes na web do CDTIC.

Guías para cidadáns

Para os cidadáns a guía, cun enfoque sinxelo e divulgativo, afonda nun uso seguro da Rede e ofrece pautas e consellos para un uso que minimice os riscos do teletraballo dende os fogares.

Ao igual que para as pemes e autónomos, estes contidos terán continuidade a través da publicación diaria de novos artigos nesta web, onde tamén poderán realizar consultas online, a través do buzón cemit@xunta.gal.

 

Pílulas sobre solucións de Software libre

Como complemento a todo o anterior tamén estanse a publicar nas webs do CDTIC, Faite Dixital, Mancomún e no Youtube da Amtega pílulas informativas sobre ferramentas de software libre para o teletraballo.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/03/2020