A Xunta activa a nova liña de financiamento dirixida a inxectar liquidez inmediata a pemes e autónomos polo COVID-19

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta iniciativa que permitirá avalar a cada negocio ata 200.000 euros para atender as necesidades máis inmediatas, como pago de salarios, alugueiros ou impostos

A Administración autonómica destina 30 millóns de euros ao programa, que permitirá mobilizar 250 millóns entre o tecido empresarial galego para paliar os efectos do coronavirus
 

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2020

A Xunta activa, mediante a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), a nova liña de financiamento destinada a inxectar liquidez a pemes e autónomos para que poidan facer fronte ás consecuencias provocadas pola situación de emerxencia sanitaria na súa actividade empresarial. A partir de mañá, as empresas e o colectivo autónomo galegos poderán solicitar os apoios que ofrece para atender as necesidades máis inmediatas, como o pago de salarios, facturas, alugueiros ou impostos.

Cunha dotación de 30 millóns de euros, a nova liña permitirá a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos entre o tecido empresarial galego, que contribuirán a paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial galego. En concreto, a nova liña avalará entre 3000 e 200.000 euros de importe por cada negocio e os beneficiarios disporán de prazos de amortización de ata catro anos con un de carencia, cun máximo dun 1,50 por cento de xuros, que serán bonificados ao cento por cento pola Xunta, facéndose cargo deles.

Este programa instruméntase a través dun convenio de colaboración da Xunta de Galicia no que participan as sociedades de garantía recíproca (SGR) Afigal e Sogarpo. Con este acordo, o Igape reavala a cobertura das SGR nun 25%, polo que o límite da garantía conxunta –sumada á que ofrece o Estado a través do Cersa– acada o 80% das operacións acometidas.

A nova liña súmase ao resto de medidas activadas polo Goberno galego no eido industrial e de innovación para mitigar os impactos provocados por esta pandemia e cuxa información está dispoñible na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria: https://ceei.xunta.gal/coronavirus/axudas-economicas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/04/2020