A Xunta agradece a suma do Ministerio ás teses mantidas desde Galicia sobre o dereito do sector pesqueiro a acollerse a regulacións temporais de emprego ante a crise do coronavirus

Esta posibilidade está prevista no real decreto-lei aprobado polo Estado de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 e a Consellería do Mar emitiu hai unha semana unha interpretación favorable ao respecto

Rosa Quintana destacou o importante labor que realiza a frota galega para seguir subministrando alimento á sociedade e a necesidade de compromiso das administracións para axudala e garantir o desenvolvemento futuro da actividade

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, agradeceu hoxe a aclaración realizada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre o dereito da frota pesqueira de acollerse a expedientes de regulación temporais de emprego (ERTE) naqueles casos nos que voluntariamente os armadores decidan non saír ao mar tendo en conta as súas circunstancias. Casos como pode ser a imposibilidade de cumprimento das medidas que garantan a saúde dos tripulantes, o peche das canles comerciais ou as dificultades de atopar tripulación e se acrediten debidamente ante a autoridade laboral competente.

A titular de Mar fixo esta valoración en relación ás aclaracións realizadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre esta opción e publicadas hoxe nun medio de comunicación. Neste sentido, Rosa Quintana sinalou que a Xunta vén defendendo e argumentando “desde hai máis dunha semana” a interpretación desta posibilidade prevista no artigo 22 do real decreto-lei aprobado polo Estado de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 e así o vén amosando no contacto permanente que mantén coa frota pesqueira galega.

Ao mesmo tempo, a conselleira fixo fincapé no valor do labor que realiza o sector “posto que está intentando seguir subministrando alimento á sociedade”. Nesta liña destacou “a importancia do compromiso de axuda das administracións relacionadas co sector co obxectivo de garantir o desenvolvemento futuro da actividade”.

Neste sentido, a Xunta tamén demanda ao Estado e á UE medidas de compensación para o complexo mar-industria ao tempo que traballa para dotar ao sector das ferramentas necesarias para poder acceder ás medidas xa habilitadas para mitigar esta crise. Todo isto tendo en conta que o labor da frota pesqueira galega é fundamental para garantir o subministro de alimentos de calidade á cidadanía, polo que debe manterse toda a actividade que poida desenvolverse con garantías nestes momentos.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 01/04/2020