A Xunta pide ao Goberno que rectifique e transfira a Galicia os 100 M€ para formación que lle corresponden e que estaban dirixidos a reactivar o mercado laboral tras o COVID-19

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde lamenta que o Estado prive á Comunidade deses fondos, rachando oportunidades para que o tecido produtivo galego poida saír desta situación en mellores condicións

Conde informou hoxe dos datos do paro rexistrado de marzo, onde Galicia é a Comunidade onde menos sobe nun contexto marcado pola paralización da actividade económica provocada polo coronavirus e que repercute no mercado laboral

A pesar da situación actual, as afiliacións mantéñense por riba do millón de cotizantes (1.002.624 afiliados) e o paro descendeu nas cidades de Lugo e Ourense, no sector primario e no colectivo dos parados de longa duración

A Xunta lembra que non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde , pediu hoxe ao Goberno central que rectifique e solicita que transfira a Galicia os 100M€ que lle corresponden para formación, permitindo, deste xeito, a reactivación do mercado laboral galego unha vez se supere a crise do COVID-19.

Coa súa decisión o Executivo estatal racha as oportunidades para que Galicia e o seu tecido produtivo poidan saír da situación actual nas mellores condicións posibles, xa que a mellor política social que se pode desenvolver é unha política de emprego para a que eses 100M€ son fundamentais de cara a impulsar a formación dos galegos e galegas, xerando oportunidades a empresas e traballadores.

“O paro incrementouse en Galicia en marzo e por iso é tan importante que poidamos dar resposta aos demandantes de emprego. Neste contexto a clave son as políticas activas de emprego, a través da formación e a orientación”, explicou Conde e, tras pedir unha rectificación do Goberno, engadiu: “Galicia non pode renunciar a eses fondos para 2020, trátase dunha invasión de competencias do Executivo na que as persoas que buscan emprego sairán perdendo por unha mala xestión do Goberno central”.

A Xunta seguirá traballando en medidas que axuden a paliar esta situación, como a liña de préstamos para mobilizar 250M€ no tecido empresarial; o aprazamento das cotas de amortización e xuros; a suspensión de prazos para a presentación de varios impostos; ou dotando de maior liquidez á tesourería para axilizar o pagamento a provedores.

Conde informou esta mañá dos datos de paro rexistrado en marzo e explicou que a pesar de que a Comunidade encadeaba seis anos consecutivos de caída do paro interanual nun mes de marzo e descensos intermensuais desde o 2013, estas series positivas vense alteradas polas consecuencias que a crise sanitaria do COVID-19 está tendo na economía e no emprego.

Deste xeito, Galicia pechou marzo de 2020 con 3640 desempregados máis que hai un ano, o que supón unha suba do 2,13%. Aínda así, o nivel de desemprego é moi inferior ao rexistrado hai once anos, xa que en marzo de 2009 había 211.484 parados fronte aos 174.481 actuais.
A Comunidade, ademais, é a que rexistra un mellor comportamento a nivel estatal, ao ser a rexión na que menos sobe o paro en termos relativos fronte ao 9,01% da media española.

A Comunidade foi capaz de amortecer o máximo posible o impacto do coronavirus, xa que a pesar da suba, trátase do menor aumento interanual –tanto relativo como absoluto– nun mes de marzo comparado cos incrementos rexistrados nos anos máis duros da crise económica.

A pesar deste contexto de parálise na actividade económica que repercute no mercado laboral galego e que provoca que os datos non sexan representativos da tendencia positiva que rexistraba Galicia a principios deste ano, aparecen datos positivos como o descenso do paro nas cidades de Lugo (-0,98%) e Ourense (-0,03%); no sector primario (-3,57%); e nun dos colectivos prioritarios para a Xunta: os parados de longa duración (-2,18%).

En canto ás afiliacións, aínda que Galicia rexistra un lixeiro descenso do -0,18% (1781 cotizantes menos no último ano), a Comunidade mantense por riba do millón de afiliados (suma xa 13 meses consecutivos). A baixada na media do Estado sitúase no -0,19%.

“Nun contexto de enorme dificultade económica e social Galicia ten demostrado que as súas políticas en materia económica e industrial e a estabilidade política e institucional da Comunidade permítenlle ter un comportamento mellor que o conxunto do país, o que nos permite afrontar de mellor forma este impacto”, asegurou.

No que respecta á evolución mensual, Conde indicou que o desemprego aumenta un 4,96% con respecto a febreiro –sumando un total de 8252 desempregados máis–, pero é a Comunidade na que menos sobe en termos relativos. Este aumento concéntrase no sector servizos con 4 de cada 5 novos parados. Pola contra, o sector primario acada un descenso do paro do
-1,31%.

Servizo de Emprego

A Xunta acordou o peche das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia para a atención presencial, un servizo que se ofrece vía telefónica e telemática para as tramitacións urxentes. Cómpre lembrar que non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril.

Data de actualización: 02/04/2020