A conselleira de Política Social compareceu hoxe na Cámara galega para informar sobre as medidas que adoptou o seu departamento para facer fronte ao coronavirus
Fabiola García asegura que Galicia non deixará de pelexar contra a pandemia e non vai dar nin unha soa vida por perdida

O Goberno galego defende que actuou con prevención e contundencia desde a declaración de emerxencia sanitaria e seguirao facendo naqueles casos que sexa necesario

Suspendeu a actividade nos centros de día, sociocomunitarios e ocupacionais; a actividade en todas as escolas infantís; e todas as visitas en residencias agás casos extraordinarios debidamente xustificados

Trasladou a tutela de todas as residencias de Galicia ás áreas sanitarias e creou centros integrados para ofrecer unha mellor atención sociosanitaria ás persoas usuarias

Interveu dúas residencias privadas ante o elevado número de casos rexistrados para garantir a calidade asistencial dos mesmos

Repartiu 530.000 mascarillas, 12.000 botes de xel hidroalcohólico, 354.000 guantes, 2000 gafas e pantallas protectoras e 65.000 batas, mandís, gorros e calzas

Aprobou un Plan social de continxencia cun teléfono social á disposición das persoas que precisen apoio; un seguimento telefónico dos usuarios de centro de día e ocupacionais; o reparto de comida a domicilio; e un correo electrónico para detección rápida de situacións de risco

O Plan complementouse cunha axuda económica para as nenas e nenos beneficiarios dunha bolsa de comedor das escolas infantís, aprobouse un Servizo de Axuda no Fogar (SAF) extraordinario; suspendéronse as cotas das escolas infantís, centros de día e ocupacionais; e aprobouse a maior orde de entidades sociais da historia

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou hoxe que Galicia pelexará con todos os seus recursos e con todas as súas forzas para protexer e coidar a todas as galegas e galegos, teñan a idade que teñan. Fíxoo durante a súa comparecencia no Parlamento autonómico para informar sobre as medidas que adoptou o seu departamento para facer fronte ao coronavirus.

Fabiola García sinalou que, ante a dor que provoca esta pandemia, as institucións deben afrontar a situación desde o realismo e a responsabilidade. Así, puntualizou que as residencias de maiores e de persoas con discapacidade son un lugar no que conviven moitas persoas e manteñen un contacto diario e directo cos seus coidadores polo que, ao igual que outros espazos, non son inmunes ante o virus.

Malia a todo, aseverou que as familias poden ter a seguridade de que a Xunta de Galicia non dubidará en tomar as medidas que sexan necesarias para garantir a calidade asistencial en todos os centros residenciais e para iso actuará con contundencia naqueles casos nos que sexa preciso.

Plan social de continxencia

A conselleira de Política Social concretou as medidas impulsadas desde o seu departamento desde a declaración da emerxencia sanitaria. Así, expuxo que foi no primeiro Consello da Xunta, trala declaración da emerxencia sanitaria, cando se aprobou un Plan social de continxencia dotado de medidas para atender ás persoas e aos fogares máis vulnerables.

Unha delas é o teléfono social que está á disposición das persoas que teñan dúbidas básicas, que necesiten acompañamento ou atención psicolóxica. En segundo lugar, realizouse un seguimento telefónico aos 14.400 usuarios de centros de día e ocupacionais e o reparto de comida a domicilio. E, por último, un correo electrónico para a detección rápida de situación de risco, atencionsocialemerxencia@xunta.gal, e para resolvelas da man cos servizos sociais de base.

Este plan de continxencia foi reforzado a semana pasada con outras medidas. Conxuntamente coa Consellería de Educación, aprobouse unha axuda económica para os nenos con bolsa de comedor da súa escola infantil, colexio ou instituto. Así mesmo, o Consello da Xunta de hoxe vén de aprobar un Servizo de Axuda no Fogar (SAF) extraordinario, dotado de 6M€; a exención das cotas das escolas infantís, centros de día e ocupacionais para a metade do mes de marzo e do mes de abril; e a maior orde de axudas ás entidades sociais da historia de Galicia, de 18,3M€.

Prevención e contundencia

Fabiola García subliñou que ante unha situación inédita como esta, o Goberno galego actuou con prevención e contundencia. Así, o pasado 13 de marzo, cando en Galicia había cero casos de coronavirus nas residencias de maiores, a Xunta publicou o primeiro protocolo con instrucións a seguir en todos os centros de servizos sociais.

Neste documento recollíase a suspensión das actividades de todos os centros sociocomunitarios, ocupacionais e centros de día; a suspensión das actividades en todas as escolas infantís de Galicia; a limitación de visitas a todos os centros residenciais para as persoas de idade avanzada ou con algún tipo de patoloxía; e a dotación aos profesionais das residencias e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de instrucións claras e precisas sobre como minimizar o risco de contaxio.

Coa declaración do Estado de Alarma, a Xunta endureceu as medidas e elaborou e difundiu unha ampliación do protocolo na que se incluía a supresión total das visitas ás residencias, agás en casos extraordinarios e debidamente xustificados. Así mesmo, cando unha semana despois o Goberno de España publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE) o seu propio protocolo, tamén foi trasladado aos centros residenciais da Comunidade.

Tutela e intervención de residencias

Seguindo esta prevención e contundencia, a conselleira sinalou que a Xunta aprobou o martes 24 de marzo a tutela, por parte da autoridade sanitaria, de todas as residencias de Galicia, tanto públicas como privadas. Ademais, puxéronse en marcha dúas residencias integradas, nas que ofrecer unha atención sociosanitaria ás persoas que se contaxiaron de coronavirus nas súas residencias.

Deste xeito, e gracias á colaboración dos profesionais sanitarios e de moitos traballadores e traballadoras dos centros de día, puxéronse en marcha desde cero dúas residencias integradas: a dos Milagros, en Baños de Molgas e a de Porta do Camiño, en Santiago de Compostela. Unha decisión pioneira que foi replicada noutras comunidades como o País Vasco, a Comunidade Valenciana ou Cantabria.

Así mesmo, naqueles casos nos que o elevado número de casos fixo inviable o traslado das persoas contaxiadas, como foi o caso da residencia Barreiro, en Vigo, e a residencia de Cangas, a Xunta decidiu intervir estes centros en canto tivo o resultado das probas para garantir a calidade asistencial dos mesmos.

Subministro de material

A conselleira tamén trasladou a preocupación constante dos profesionais das residencias polo subministro de equipos de protección. Unha situación agravada, sinalou, polos continuos cambios de opinión do Goberno central, que nun primeiro momento asumiu o subministro centralizado para finalmente trasladar a responsabilidade ás comunidades autónomas.

De igual xeito, lamentou que a Vicepresidencia de Dereitos Sociais do Goberno central prometera nunha comunicación a todas as comunidades autónomas a actuación do Exército nas residencias, para aclarar días despois que tan só realizarían labores de desinfección.

Así as cousas, Fabiola García concretou que, gracias ao esforzo da Xunta de Galicia e da sociedade civil galega, repartíronse 530.000 mascarillas, 12.000 botes de xel hidroalcohólico, 354.000 guantes, 2.000 gafas e pantallas protectoras e 65.000 batas, mandís, gorros e calzas para completar os equipos de protección.

Agradecemento aos profesionais

Durante a súa comparecencia, a conselleira agradeceu a vocación e dedicación que veñen demostrando os profesionais que traballan en centros de toda Galicia porque téñense convertido, asegura, nun dos símbolos da loita contra esta pandemia. Así mesmo, asegurou que ten comprobado a calidade dos coidados que reciben as persoas maiores nestes centros nos que se crea un ambiente familiar.

Por ese motivo, amosou a súa preocupación polo intento dalgúns sectores, sinalou, que tratan de utilizar esta pandemia para emprender unha causa xeral contra as residencias de maiores de Galicia. Neste sentido, criticou que se pretenda empregar esta situación para emprender batallas ideolóxicas que pouco ou nada importan aos galegos.

Últimos datos

Por último, detallou os últimos datos coñecidos sobre casos detectados en residencias de maiores: 441 usuarios e 16 traballadores. Así mesmo, explicou que 49 residentes perderon a vida, 27 no propio centro e 22 no hospital. Con respecto ás residencias de atención á discapacidade, rexistráronse 46 casos en usuarios e 38 en traballadores que deron positivo e están illados nas súas casas. En definitiva, resumiu, 487 casos totais entre os usuarios, o que supón 2% do número total de prazas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/04/2020