O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantiveron unha reunión, por videoconferencia, cos representantes de Fegatrans-Apetamcor, Fetram e Fegatramer
A Xunta e as federacións de transporte de mercadorías constatan a necesidade de estender a distribución de mascarillas aos profesionais de reparto de proximidade

O Goberno galego aposta por que se atendan as necesidades deste colectivo que quedou fóra da entrega de material do Ministerio, aproveitando as 10.000 mascarillas adicionais entregadas pola Xunta aos transportistas

A Administración autonómica xa tiña trasladado ao Ministerio a necesidade de atender a este grupo de profesionais

A Xunta pídelle ao sector que concrete as zonas máis axeitadas para poder facilitar o descanso e aseos dos transportistas na Comunidade

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2020

A Xunta e as federacións de transporte de mercadorías da Comunidade constataron hoxe a necesidade de que se estenda a distribución de mascarrillas aos transportistas de proximidade, un colectivo que tamén está a desenvolver un labor esencial no abastecemento de produtos de primeira necesidade no actual estado de alarma.

Así o trasladaron esta mañá no encontro que mantiveron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, cos responsables das federacións de transporte de mercadorías de Galicia que están representadas no Consello Galego de Transportes: Fegatrans-Apetamcor, Fetram e Fegatramer, entre as que a Xunta está a repartir o material de protección para evitar contaxios e garantir a seguridade na cadea de distribución.

No encontro, por videoconferencia, o vicepresidente e a conselleira de Infraestruturas lembraron que as 10.000 mascarillas achegadas pola Xunta ao sector, son complementarias ao material distribuído polo Ministerio de Transportes, que este asumiu de acordo co establecido na declaración do estado de alarma.

Ese reparto realizado polo Goberno de España non alcanza aos profesionais do transporte de proximidade, por non atoparse inscritos no rexistro xeral de transporte de mercadorías polas súas especiais características. Por ese motivo, a Xunta aposta por atender a este colectivo concreto aproveitando o material complementario achegado pola Xunta, tendo en conta que desde a Administración autonómica xa se tiña trasladado ao Ministerio a necesidade de atender a este grupo de profesionais.

Durante a xuntanza, a Xunta confirmou que o material de protección que o Ministerio de Transportes comezou a distribuír onte a través das oficinas de Correos é insuficiente para cubrir as necesidades do conxunto do transporte de mercadorías da Comunidade. Neste sentido, o Goberno galego comprometeuse a seguir traballando ante o Ministerio para garantir que estes profesionais dispoñan dos elementos de protección necesarios para evitar contaxios e garantir a seguridade na cadea de distribución.

A Xunta solicitou, xa desde un primeiro momento, ao Ministerio de Transportes o establecemento dun protocolo claro sobre a necesidade de uso e criterios de distribución de mascarillas entre os profesionais do transporte de mercadorías.

Na reunión de hoxe, o Goberno galego tamén lle pediu ás federacións de transporte de mercadorías que trasladen unha proposta concreta sobre as zonas máis axeitadas da Comunidade para poder facilitar o descanso e aseos a estes profesionais que lle fagan máis doado o desenvolvemento da súa actividade.

O encontro de hoxe enmárcase na liña de diálogo que a Xunta vén mantendo co sector para coñecer de primeira man as súas necesidades, no actual estado de alarma e alerta sanitaria, e para tratar de atender as súas demandas, con medidas e propostas para garantir que poidan desenvolver a súa actividade de distribución con seguridade e eficiencia e que os produtos de primeira necesidade cheguen á xente.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/04/2020