Medio Ambiente solicita ‘claridade’ sobre o contido e alcance da Orde estatal para a xestión dos residuos durante a crise do coronavirus

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aclara que a Orde non é precisa pois deixa nas mans de cada concello determinar a recollida dos residuos xerados por persoas afectadas por Covid-19 ou en cuarentena, sobre todo para aqueles que non están adheridos ao modelo Sogama

Avanza que Sogama está en condicións de ofrecer unha solución técnica, se fose precisa, para apoiar a capacidade dos xestor de residuos sanitarios por mor do incremento da súa actividade

Ángeles Vázquez reiterou a necesidade contar con EPIS para os traballadores das plantas de tratamento de lixo e para os operarios que se encargan da recollida do lixo urbano

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, solicitou esta mañá “claridade” sobre o contido e alcance da Orde estatal para a xestión dos residuos durante a crise sanitaria do Covid-19 (Orden SND/ 27/2020). Así llo trasladou á vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, durante unha reunión a través dunha videoconferencia, na que participou xunta a outros representantes autonómicos para abordar a xestión dos residuos durante a crise sanitaria do coronavirus.

A conselleira de Medio Ambiente indicoulle á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que a instrución publicada está a xerar moitas dúbidas entre os concellos galegos, polo que aproveitou esta reunión para trasladarlle as inquedanzas e preocupacións que os alcaldes de Galicia teñen transmitido á Consellería.

Explicou que naqueles fogares nos que haxa persoas positivos en Covid-19 ou en cuarentena cada concello poderá determinar que fracción-resto dos residuos desas persoas se incluirá en cada bolsa, segundo as instrucións do Ministerio. Por outra banda, non é o suficientemente claro co destino dos residuos xerados nun fogar sen positivos por Covid-19 pero en cuarentena. Do texto normativo extráese que se continuará realizando do xeito habitual; pero choca co suposto anterior, dado que se está a falar en ambos casos de persoas en cuarentena.

Unha incertidume que tamén afecta aos residuos xerados en lugares con alto índice de positivos, como residencias, hoteis mecalizados..., pois establece que as entidades locais poderán fixar recollidas diferenciadas dos residuos.

Aclarou que un total de 295 concellos están adheridos ao modelo Sogama, o que representa un 95 % dos concellos de Galicia e atende a un 83% da poboación, ofrecendo este servizo a 2.242.000 persoas, polo que estas entidades están a depositar os restos no contedor verde; un modus operandi que determinará cada concello no caso daqueles que levan os seus residuos a outras plantas de tratamento.

Nese sentido, a conselleira agradeceu o compromiso e a colaboración cidadá, pois no mes de marzo incrementouse un 25% a recollida de residuos urbanos da bolsa amarela, ao pasar de 2.000 Tn a 2.500 Tn; o que representa unha maior reciclaxe por parte dos galegos.

Outro dos puntos sinalados por Vázquez Mejuto foi o tratamento dos residuos sanitarios. Indicou que Sogama está en condicións de dar unha solución técnica para poder tratar os residuos sanitarios, para dar apoio á actual empresa que opera en Galicia, que nas últimas xornadas está a incrementar a súa actividade por mor dos residuos que recibe doutras comunidades.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente interesouse polas xestións realizadas para a adquisición dos EPIS necesarios para as persoas que teñen que tratar os residuos nas plantas de tratamento, así como para os operarios de recollida de lixo. Explicou que a última información facilitada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Ministerio de Sanidade, autoridade competente para realizar ditas compras, é que a Federación Española de Municipios e Provincias é a entidade encargada de canalizar as peticións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/04/2020