A Xunta pide ao Ministerio do Interior un protocolo único no caso de que se amplíe a máis poboación a recomendación do uso de máscaras

O vicepresidente da Xunta reclamou ao ministro do Interior que o Goberno central determine como sería a distribución e o acceso ao material de protección

Alfonso Rueda mantivo esta tarde unha videoconferencia con Fernando Grande-Marlaska e co resto de conselleiros con competencias na área

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu hoxe ao Ministerio do Interior que se elabore un protocolo único no caso de que se amplíe a máis poboación a recomendación do uso de máscaras porque, ante circunstancias como a actual pandemia de coronavirus, é precisa unha postura coordinada do uso deste material a nivel estatal.

En concreto, reclamou ao Goberno central que determine como sería a distribución e o acceso ao material de protección. Así llo trasladou hoxe ao ministerio do Interior, Fernando Grande-Marlaska, durante unha videoconferencia na que tamén participaron os conselleiros do Interior do resto de comunidades autónomas.

Rueda tamén pediu máis concrecións sobre a petición que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, realizou ás comunidades autónomas o domingo pasado, na que lles solicitou que elaboraran unha listaxe de infraestruturas dispoñibles que poderían acoller a persoas asintomáticas que deran positivo por coronavirus.

Esta reunión forma parte dos contactos periódicos que manteñen todos os departamentos da Xunta co Estado, así como con outras institucións, como a Delegación do Goberno ou os concellos, a través da Fegamp. O obxectivo é manter unha coordinación máxima, desde a lealdade institucional, para ser áxiles e eficientes na xestión da epidemia e na posta en marcha de medidas para paliar as consecuencias que está tendo sobre a cidadanía.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/04/2020