Almuiña pídelle ao Ministerio un investimento máis efectivo no diagnóstico do coronavirus no caso das residencias da terceira idade

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego participou nunha nova xuntanza do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, onde se abordou tamén o protocolo para que os profesionais sanitarios volvan incorporarse

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, participou, hoxe pola tarde, por videoconferencia, nunha nova xuntanza do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para abordar a pandemia provocada polo coronavirus.

Segundo o conselleiro, abordouse a situación actual da pandemia, sinalando que se está nun período aplanamento con cifras que melloran as das últimas semanas. En concreto en Galicia, Almuiña falou que o crecemento sitúase ao redor do 3% diario, que é dos máis baixos que tivemos nas últimas semanas.

Un aplanamento que a idea é que en breve poidamos ter unha diminución de casos. Ademais, os casos que están a aparecer, dixo o conselleiro, son leves, que están a ser tratados en domicilio e seguidos dende atención primaria, pendentes de ver se hai síntomas de empeoramento, pero nas UCI e nos andares de hospitalización o número de casos está a baixar día a día, o que é un dato moi esperanzador.

No Consello falouse tamén, recalcou Almuiña, dos protocolos de actuación. "Cremos que non é o máis acertado o do diagnóstico en residencias da terceira idade -dixo o conselleiro-. Consideramos que ten que haber, como estamos a facer en Galicia, un investimento en diagnóstico máis efectivo e, deste xeito, ter actuacións de reforzo, como estamos a ter na nosa comunidade, de reforzos dos equipos (persoal médico e de enfermería), para, deste xeito, dar a mellor atención posible e separando os circuítos daqueles que teñen a infección dos que non a teñen. Para nós é algo moi importante".

Protocolo para os profesionais

Tamén se abordou o protocolo para que os profesionais volvan incorporarse. Así nos vindeiros días haberá unha revisión deste protocolo, xa que entende o conselleiro galego que non é o máis adecuado, posto que fixaba a incorporación rápida sen a realización dunha PCR.

Outro tema tratado na reunión foi que, unha vez que se consolide o descenso da pandemia nas seguintes semanas, que o fin do confinamento teña lugar dun xeito progresivo, para eliminar posibles brotes noutra época do ano. Xa hai equipos por cada comunidade autónoma preparando este tema.

Así mesmo, falouse da protección á poboación. Ao respecto, a OMS dixo que non era necesario salvo aquelas persoas que tiveran a posibilidade de contaxiar a outras, por tanto, non de protección individual, senón de protección aos demais. Así, estase a avaliar de novo este tema é a protección non sería unha máscara sanitaria, senón unha máscara hixiénica, que se utilizaría en espazos pechados, onde a distancia de seguridade (2 ou 2,5 metros) non se podería manter. Neste aspecto, dende o Ministerio de Sanidade anunciouse, dixo o conselleiro, que vai haber un criterio unificado para toda España, e que non interferirá na protección ao persoal sanitario e ao uso sanitario de máscaras.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 09/04/2020