A Xunta ponse en contacto co Goberno para coñecer as prestacións concedidas ás persoas incluídas nos ERTE e saber se se van poñer en marcha medidas que axilicen os pagos

O Goberno autonómico aposta por unha maior flexibilidade administrativa que permita ir pagando as prestacións aos afectados por expedientes de regulación temporal de emprego a medida que se vaian resolvendo

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2020

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Emprego, púxose en contacto co Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE) para coñecer cantas prestacións por desemprego motivadas polos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) se concederon en Galicia a peche do mes de marzo.

Galicia tamén se interesou por coñecer se o Goberno, a través do SEPE, vai poñer en marcha medidas que acheguen unha maior flexibilidade administrativa para que sexa posible que este mes se poidan ir pagando as prestacións a medida que se vaian resolvendo e que, deste xeito, ningunha familia teña que agardar ao mes de maio para cobrar a súa prestación cando a persoa traballadora está na súa casa cun ERTE autorizado.

O Servizo Público de Emprego de Galicia está realizando un gran esforzo traballando con dilixencia neste momento excepcional para resolver as solicitudes en tempo coa maior axilidade e eficiencia posible. Neste sentido, a Xunta traballa con todos os medios ao seu alcance para avanzar na tramitación destes expedientes e, así, ten aberta a Liña Empresas a través do teléfono gratuíto 900 815 600, no que se resolven e se atenden dúbidas e consultas en materia económica e laboral, especialmente as vinculadas aos ERTE.

A Xunta lembra que as oficinas de emprego de Galicia continúan pechadas ao público para a atención presencial pero seguen funcionando para trámites urxentes tanto vía telefónica como telemática.

Data de actualización: 14/04/2020