Os emprendedores que participan na quinta edición do Coworking de Santiago reciben formación en liña

A aceleradora da Cidade da Cultura, promovida pola Xunta, a Escola de Organización Industrial (EOI) e o Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás, continúa a súa actividade de asesoramento e titorías de novas iniciativas empresariais

Está a impulsar 22 proxectos vinculados ás industrias culturais e as TIC

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2020

A quinta edición do espazo coworking da Cidade da Cultura, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e o Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás, continúa a desenvolver a súa actividade no actual contexto de confinamento activado pola emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19. Así, as 22 iniciativas de emprendemento que se están a acelerar para a súa próxima posta en marcha continúan a recibir formación, asesoramento e titoría en liña á medida das súas necesidades.

Na edición actual da aceleradora de Santiago de Compostela, que comezou o pasado mes de febreiro, participan 23 emprendedores, 17 mulleres e 6 homes, con novas iniciativas empresariais centradas no sector cultural e as TIC, nos que está especializado este espazo. Así, entre as elas, inclúense proxectos de deseño e produción de produtos artesanais, deseño de xoiería creativa, fotografía e dirección creativas, ilustración, posta en valor do patrimonio galego, turismo e ensino e asesoramento en distintos ámbitos.

Durante a súa estancia no Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás (CEM), poderán tamén acceder aos recursos técnicos e formativos deste espazo e da programación anual da Cidade da Cultura en torno ao emprendemento, ademais de aproveitar para crear redes de contacto con preto dun centenar de emprendedores residentes no CEM, na procura de sinerxías e oportunidades de negocio.

Nas catro edicións anteriores deste espazo coworking recibiron formación e asesoramento un total de 95 emprendedores para desenvolver 87 iniciativas empresariais, das que 39 están xa en funcionamento, e que levan asociados 48 postos de traballo.

O resto de espazos da rede impulsada pola Xunta, que nesta edición conta con tres novas aceleradoras, tamén continúa as súas actividades de xeito telemático. Os novos espazos abertos nesta convocatoria son o do Ribeiro, situado no concello ourensán de Cenlle, que promove a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular; a aceleradora de Palas de Rei (Lugo), que se centra no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea; e o espazo do Morrazo, que iniciou a súa primeira edición na sede de Moaña o pasado 26 de febreiro.

Estas novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña luguesa (con sede en Mondoñedo); Terras da Limia (Celanova); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); a Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Ferrolterra (con sede en Ferrol) e O Salnés (Vilanova de Arousa); ademais da de Santiago de Compostela.

A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica e que leva impulsados máis de 1000 iniciativas de emprendemento. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/04/2020