A Xunta avalía con empresarios e sindicatos o acerto de facilitar liquidez inmediata a autónomos e pemes e de adiantar parte da nómina dos traballadores afectados por Ertes xa aprobados

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destaca que o diálogo social ten que ser a ferramenta clave para identificar as medidas que respondan ao novo escenario provocado polo Covid-19 e así lograr entre todos a reactivación da economía

No encontro celebrado esta mañá por videoconferencia participaron representantes da Confederación de Empresarios de Galicia e das centrais sindicais CCOO e UXT

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá, no marco da mesa do diálogo social, unha reunión con representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e dos sindicatos CCOO e UXT para avaliar as medidas para facilitar liquidez inmediata a autónomos e pemes e para adiantar parte da nómina aos traballadores afectados por expedientes de regulación temporal de emprego (Erte) xa aprobados por parte da Administración autonómica pero que agora están á espera de que o Goberno lles pague as súas prestacións.

Conde trasladou aos participantes que o diálogo social ten que ser a ferramenta clave para lograr entre todos a recuperación económica grazas á adopción de medidas que axuden a dar solucións inmediatas pensando ao mesmo tempo no futuro. Neste sentido, destacou que o obxectivo máis inmediato no plano económico é dar liquidez a empresas e familias. Así, avaliouse na mesa do diálogo social o acerto de medidas impulsadas pola Xunta, como a liña de préstamos que axuda a autónomos e empresas facer fronte ao seu día a día, unha iniciativa na que a Administración autonómica se fai cargo dos xuros.

Nesta videoconferencia, tamén se avaliou o acordo de anticipar o aval necesario para que os traballadores afectados por Erte poidan cobrar parte das súas prestacións. En concreto, 1500 euros por traballador, cun tope mensual de 750 euros, ata o momento en que o Goberno central lles abone a prestación. Neste sentido, Galicia está tramitando en prazo e xa se resolveron 9 de cada 10 expedientes presentados, polo que entende que o Goberno debe flexibilizar o máximo posible o pago de ditas prestacións.

“O diálogo social é determinante para identificar con sindicatos e patronal as medidas que permitan reactivar a actividade de autónomos e pemes a través do impulso non só da industrialización, a innovación ou a formación, senón tamén con medidas que, desde a liquidez, lles permitan garantir a súa viabilidade; así como iniciativas para que as familias poidan dispor de liquidez para facer fronte aos gastos diarios nestes momentos de dificultade”, explicou Conde.

Durante o encontro, o conselleiro tamén insistiu na necesidade de planificar a volta á nova normalidade e asegurou que é preciso o diálogo social porque construír a Galicia do día despois vai requirir da unidade e do consenso para avanzar na transformación industrial, a innovación e a transición enerxética, poñendo nun primeiro plano ás persoas a través da prevención e da seguridade laboral e das políticas activas de emprego, con especial atención ás medidas vencelladas á formación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/04/2020