A Xunta distribúe polo Día do Libro 4000 obras entre pacientes, acompañantes e persoal dos 14 hospitais públicos

A partir de hoxe e durante os vindeiros días poranse en circulación estes volumes que buscan fornecer dunha opción de lecer para quen así o desexe e visibilizar o importante papel que o libro galego desempeña dentro da sociedade

A meirande parte dos libros escolmados seleccionáronse para lectores de idades temperás e en galego, pero, en conxunto, procurouse cubrir a diversidade de gustos e temáticas lectoras

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020

Co gallo do Día do Libro, a Xunta de Galicia distribúe en 14 hospitais públicos un total de 4000 libros procedentes das adquisicións da Consellería de Cultura e Turismo a editoras para o seu agasallo xeral e uso nas aulas hospitalarias. A través desta iniciativa o Goberno autonómico pretende visibilizar o importante papel que a industria do libro galego desempeña dentro da sociedade, recoñecer o papel dos autores e fornecer dunha opción de lecer cultural, relaxación e entretemento tanto aos alumnos das devanditas aulas e as unidades de pediatría, como a aqueles pacientes que pola súa enfermidade estean en disposición e desexen ler, os seus acompañantes e persoal do SERGAS.

Escolma do libro galego

A remesa está configurada de xeito maioritario por obras de literatura infantil e xuvenil en galego, e inclúe unha compilación de títulos para aproximarse ao patrimonio cultural e, especificamente, ao Camiño de Santiago, con volumes como A peregrina gastrónoma, escrita por María Canosa; pero, no seu conxunto procura cubrir a diversidade de gustos e temáticas lectoras, incluíndose títulos clásicos, obras arredor do persoeiro ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galega, Ricardo Carvalho Calero, ou monografías de sabios do país como Astronomía. A ollo ceibe de Ramón María Aller.

Os centros nos que se realizará son o Hospital Público do Barbanza, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o Hospital Público Virxe da Xunqueira, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, o Hospital Público de Valdeorras, o Hospital Público de Verín, Hospital Público de Monforte, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, o Complexo Hospitalario Universitario de Lugo, o Hospital Público da Mariña, o Hospital Público do Salnés e o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Iniciativa dentro de #aculturasegue

Esta iniciativa súmase ás distintas propostas que desde as bibliotecas, museos e arquivos xestionados pola Xunta de Galicia foron concibidas para celebrar o Día do Libro cun amplo abano de actividades online e abertas a toda a cidadanía, como concursos en redes sociais, exposicións virtuais ou publicación de catálogos e outros materiais en formato dixital.

Con todas elas preténdese un obxectivo común: visibilizar e valorar o traballo do sector do libro e do ecosistema cultural galego, fomentar a lectura, sobre todo en idades temperás, e seguir outorgándolle ao libro todo o protagonismo que merece, con especial énfase neste contexto de confinamento.

Todas estas propostas inclúense na iniciativa #aculturasegue da Xunta. Un cancelo que busca recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais de seguirse nas redes sociais, pode consultarse en cultura.gal/aculturasegue.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/04/2020