Modifícanse as bases da sexta edición do premio literario Nortear para adaptarse ás limitacións impostas polo coronavirus

Os candidatos poden presentar as súas obras ata o próximo 30 de xuño

O premio Nortear, financiado polo programa europeo de Cooperación Transfronteriza POCTEP, busca promocionar a novos escritores entre a mocidade residente na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O proxecto europeo Nortear para promover a cooperación e a colaboración multicultural transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal conmemora hoxe o seu quinto aniversario

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020

A Xunta,a Dirección Rexional de Cultura do Norte (Portugal) e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) modificou algunhas das bases da sexta edición do premio literario Nortear en canto á presentación das candidaturas, debido á actual situación de emerxencia sanitaria como consecuencia do coronavirus.

Desta forma, o envío do material das candidaturas ao concurso realizarase por correo electrónico nun arquivo .zip titulado co pseudónimo do candidato e que deberá incluír a obra e os anexos solicitados. O prazo límite de presentación de candidaturas finaliza o 30 de xuño de 2020.

O premio terá unha dotación económica de 3.000 euros. Ademais, a obra gañadora ten garantida a publicación dun mínimo de 500 exemplares en edición bilingüe, portugués e galego, con editoras de Galicia e do norte de Portugal.

Esta iniciativa ten entre os seus obxectivos promover o lanzamento de novos escritores e a creatividade literaria entre a mocidade residente na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como o fomento da circulación e distribución de obras literarias máis aló das fronteiras.

O premio literario Nortear enmárcase no proxecto europeo Nortear, levado a cabo pola AECT da Eurorrexión en colaboración coa Xunta e a Dirección Xeral de Cultura do Norte de Portugal, e do que hoxe se conmemora o seu quinto aniversario. A proposta baséase na vontade dos organismos implicados de fomentar o coñecemento mutuo e promover a cooperación e a colaboración multicultural transfronteiriza coa difusión da cultura de Galicia e da rexión do Norte de Portugal convertíndoa en referente a nivel europeo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/04/2020