A Xunta inicia o reparto doutros 1.750 equipos con conexión gratuíta á rede para facilitar o seguimento da actividade educativa das familias con menos recursos

Con este novo lote, elévase a 2.750 o número total de kits de equipamento dixital, compostos por un terminal, router e liña de datos de balde

A acción, dirixida a alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, enmárcase nas medidas da Administración autonómica para o ámbito educativo durante o período de suspensión das clases por mor do COVID-19

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2020

Esta semana a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Amtega comezaron o reparto dun novo lote de 1.750 equipos con conexión de balde a internet entre as familias con menos recursos que teñen escolarizados aos seus fillos en centros públicos.

Con este novo envío -que se engade aos 1.000 kits informáticos xa distribuídos polos centros escolares nos días pasados- elévase a 2.750 o número total de equipos para asegurar a conectividade ao alumnado que presenta maiores dificultades no acceso ao ensino en liña.

A medida vai dirixida ao alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional que, a través dos seus centros de ensino, recibirá os equipos en préstamo. Trátase dun pack formado por un ordenador ultraportátil idéntico aos empregados polo alumnado no proxecto de Educación Dixital E-DIXGAL, xunto cun kit que permite a súa conexión gratuíta á rede (grazas á colaboración dos operadores Orange, Vodafone e R; e do Ministerio de Educación con Telefónica) mediante un router WIFI 4G xunto coa correspondente liña de datos 4G.

O novo equipamento informático está a distribuírse a través do centro de loxística de Amtega nos centros educativos e son os equipos directivos os que determinan as familias beneficiarias.

Criterios de reparto

Esta segunda entrega está a distribuírse en centros que, en atención ás necesidades detectadas, solicitaron expresamente un número de packs superior aos tres que inicialmente lle foran asignados no primeiro envío. Agora farase fincapé nos centros que imparten Bacharelato, dotándoos segundo o número de alumnos matriculados nesta etapa.

Nos criterios xerais de reparto, ademais da situación socioeconómica das familias e da non disposición de ordenadores nin de conexión a internet nos seus fogares, terán prioridade os alumnos dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de BACH e 2º de FP).

Balance

No que respecta ao primeiro lote informático para atender ás familias con menos recursos durante o período de suspensión das clase por mor do COVID-19, foron entregados un total de 997 equipos e kits de conexión á rede en 333 centros escolares de toda Galicia.

A meirande parte dos equipos (o 70% do total) foron para alumnado de ESO; mentres que un 20% foi para alumnado que cursa Bacharelato, un 7% para alumnado de Formación Profesional, e o resto para alumnado de Ensinanzas de Adultos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/04/2020