A Xunta e a Asociación Escena Galega acordan aprazar a celebración do oitavo mercado Galicia Escena PRO

A organización traballará na procura de datas alternativas, ao tempo que deseña un formato flexible para se adaptar á evolución da crise sanitaria nos próximos meses

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020

A Xunta de Galicia e a asociación Escena Galega acordaron aprazar a celebración da oitava edición do mercado galego das artes escénicas Galicia Escena PRO, que ía celebrarse este mes de xuño en Santiago de Compostela, así como deseñar conxuntamente un formato de feira flexible que facilite a súa adaptación á evolución da crise sanitaria polo Covid-19 nos próximos meses.

Galicia Escena PRO 2020 repetirá por segundo ano consecutivo o modelo de coorganización que a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Musicais (Agadic), puxo en marcha en 2019 xunto con Escena Galega, principal asociación empresarial do sector na nosa Comunidade.

Ambas entidades traballarán na procura de datas alternativas que permitan a súa celebración coas garantías sanitarias que determinen as autoridades correspondentes unha vez se levante o actual estado de alarma.

Estúdase tamén a adaptación do seu formato á evolución da actual situación de crise sanitaria, incidindo no papel profesional de Galicia Escena PRO como espazo de diálogo e intercambio entre os ámbitos da produción, a distribución e a programación de teatro e danza.

En 2019, o mercado galego das artes escénicas reuniu en Santiago a máis de 150 axentes culturais chegados de diferentes puntos de Galicia e do resto do Estado para asistir ao seu programa de exhibición e participar nas actividades de encontro profesional. Entre elas, reforzouse espacialmente o apartado de networking coa coordinación directa de máis de 120 reunións personalizadas entre os programadores de teatros, auditorios e festivais convidados e os representantes de compañías e empresas distribuidoras de artes escénicas.

Data de actualización: 28/04/2020