A Xunta pon a disposición da cidadanía unha ferramenta dixital para poder medir os desprazamentos autorizados

O visor está dispoñible na web de información xeográfica de Galicia, dependente do Instituto de Estudos do Territorio e co apoio e colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2020

A Xunta de Galicia pon a disposición da cidadanía unha ferramenta dixital que permite medir e comprobar a lonxitude dos novos desprazamentos autorizados polo Goberno nos últimos días. Deste xeito, a través do visor básico dispoñible na páxina web de información xeográfica de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio (IET), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ofrecen aos cidadáns a posibilidade de calcular con precisión o radio no que poden desprazarse e planificar así as súas saídas.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, da que depende o IET, considera que esta ferramenta online pode resultar útil logo da publicación da Orde do 25 de abril que regula os desprazamentos da poboación infantil durante a crise sanitaria do coronavirus e os condiciona e limita a un radio dun quilómetro con respecto ao domicilio do menor. Ademais, cómpre ter en conta que desde hoxe o Goberno autoriza tamén as saídas para practicar deporte de forma individual ou dar paseos en familia.

Os usuarios interesados en utilizar esta ferramenta teñen dúas formas de calcular as distancias. A primeira consiste en fixar directamente sobre o mapa cun punteiro a localización do lugar de residencia e establecer a partir de aí o radio máximo de desprazamento (pódese ver na primeira imaxe da nova).

A outra opción é calcular directamente a través da pestaña Medidas un percorrido concreto seguindo os propios viarios (pódese ver na segunda imaxe da nova).
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/05/2020