O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, interveu hoxe no encontro #SeguimosAdiante con pemes e autónomos
Conde apela ao esforzo compartido entre administracións e tecido empresarial para impulsar a reactivación económica de Galicia

Asegura que saír pronto e nas mellores condicións da crise económica é unha tarefa común que require diálogo, unidade e determinación

Sinala que a tarefa da Xunta está centrada en acompañar aos sectores económicos, ás empresas, aos autónomos e aos traballadores para darlles unha resposta urxente ás necesidades que se van atopando polo camiño

Apunta que a liña de préstamos sen intereses para mobilizar 250 M€ no tecido produtivo xa rexistra máis de 2900 solicitudes por un importe superior aos 200 M€

Ve necesario que os ERTE se desvinculen do estado de alarma e que se estableza un período transitorio para que as empresas que o teñen solicitado poidan acompasalo coa volta gradual á actividade

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apelou hoxe ao esforzo compartido entre administracións e tecido empresarial para impulsar a reactivación económica. Conde subliñou que saír pronto e nas mellores condicións da crise económica é unha tarefa común que require diálogo, unidade e determinación.

A través do encontro telemático #SeguimosAdiante, no que participaron as confederacións de empresarios, os clústers, representantes do colectivo de autónomos e as asociacións de novos empresarios, o conselleiro destacou o compromiso e a capacidade de adaptación de pemes e autónomos. E sinalou, tamén, que a tarefa da Xunta está centrada en acompañar aos sectores económicos, ás empresas, aos autónomos e aos traballadores para darlles unha resposta urxente ás necesidades que se van atopando polo camiño. “Seguimos adiante para identificar todas aquelas medidas que poidan permitir a reactivación económica e recuperar a actividade en sectores tan importantes como o comercio”, dixo.

Explicou, así, que o Goberno galego traballa nunha dobre vía: salvagardar a seguridade e a saúde das persoas e minimizar o impacto da crise no conxunto do tecido empresarial para encamiñar a recuperación. Nese sentido, indicou que a liña de préstamos sen intereses para mobilizar 250 millóns de euros nos sectores produtivos xa rexistra máis de 2900 solicitudes por un importe superior aos 200 millóns de euros.

Máis concreción

O conselleiro puxo de manifesto o sentir común de pemes e autónomos con respecto ao plan de reactivación do Goberno e a súa falta de concreción. Segundo dixo, neste período de volta á actividade necesitan protocolos claros, precisos e consensuados porque a prevención está por riba de todo. Tamén, saber que medidas de protección deben seguir para abrir ao público. E, sobre todo, que vai pasar cos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE).

En materia de prevención, Conde salientou o esforzo da Xunta por achegar respostas aos sectores que se incorporan á actividade. Ao respecto, mencionou as guías elaboradas polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) que recollen as medidas sanitarias a ter en conta na reapertura. E tamén se referiu ao reparto de case 4 millóns de máscaras que a Administración galega leva feito entre pemes e autónomos coa axuda das principais asociacións.

Flexibilizar os ERTE

Con respecto aos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), o conselleiro subliñou que é a cuestión que máis inquedanza está a suscitar no tecido empresarial porque é necesario que se desvinculen do estado de alarma e que se estableza un período transitorio para que as empresas que o teñen solicitado poidan acompasalo coa volta gradual á actividade. É a forma de salvagardar miles de postos de traballo e dar seguridade xurídica ás empresas no retorno, abondou.

Conde concluíu lembrando as recomendacións que fai o Comité de Expertos Económicos que asesora á Xunta de Galicia na xestión desta crise, nas que sinala a necesidade de que o Goberno aprobe deducións fiscais ás empresas, bonificacións nas cotas á Seguridade Social, que se fomente o teletraballo ou se flexibilice a xornada laboral.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/05/2020