A Xunta apoia 14 proxectos de pemes galegas que van mobilizar máis de 1M€ para a fabricación de medios de protección fronte ao COVID-19

O Comité de fabricación de equipamento sanitario e de material para a protección dos traballadores avaliou hoxe estes proxectos aos que a Xunta achega ao redor do 70 por cento, preto de 750.000 euros

Catro destes proxectos van dirixidos á fabricación de máscaras, o que permitirá dispoñer en Galicia de 300.000 unidades diarias

Vanse fabricar, tamén, pantallas protectoras, mamparas, xeles e solucións desinfectantes, biocidas ou sistemas de control de temperatura, entre outros

Trátase das primeiras iniciativas que aprobadas a través da liña de financiamento de 2,5 millóns de euros que o Goberno galego puxo en marcha para apoiar ás empresas que queiran colaborar na fabricación deste material

Conde resalta que Galicia está demostrando que ten capacidade para aprovisionarse grazas ao saber facer da industria galega e ao compromiso de todo o tecido empresarial

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2020

A Xunta vai apoiar 14 proxectos de pemes galegas que mobilizarán máis de 1 millón de euros para a fabricación de material sanitario e de protección laboral. O Comité de fabricación de equipamento sanitario e de material para a protección dos traballadores -que conforman as consellerías de Economía, Emprego e Industria, Sanidade e Política Social- avaliou hoxe estes proxectos aos que a Xunta achega ao redor do 70 por cento, preto de 750.000 euros.

Trátase das primeiras iniciativas que concorren á liña de financiamento de 2,5 millóns de euros que a Xunta puxo en marcha para apoiar as empresas que queiran colaborar na fabricación deste material. Son axudas de ata 100.000 euros para cubrir os gastos ou investimentos que teñan que facer en maquinaria e outras infraestruturas coa posibilidade de acceder a un anticipo.

300.000 máscaras diarias

Segundo puxo de relevo o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, logo de participar na xuntanza do comité, catro destes proxectos van dirixidos á fabricación de máscaras, o que permitirá dispoñer en Galicia de 300.000 unidades diarias. Outros produtos que se van fabricar son pantallas protectoras, mamparas, xeles e solucións desinfectantes, biocidas ou sistemas de control de temperatura.

Conde apuntou que as pemes beneficiadas pertencen a diferentes ámbitos como o da enxeñaría, a maquinaria industrial, o sector TIC, a automoción ou a industria química. A todas elas quixo agradecerlles que estean abertas a colaborar e dar resposta á gran demanda que hai de medios de protección fronte ao Covid-19. Neste momento, dixo, son unha importante fonte de subministración deste material. Ademais, recoñeceu que para estas empresas supón todo un reto porque van ter que reenfocar a súa actividade produtiva e adaptar a súa infraestrutura, o cal non deixa de ser todo un exemplo da capacidade que ten o tecido industrial galego para responder ás demandas de cada momento.

Marketplace

Neste contexto, o conselleiro lembrou que, no marco do Comité de Fabricación, está operativa a plataforma Marketplace, onde provedores e sector público rexistran as necesidades concretas dun determinado tipo de material e a oferta que hai del. Ata o de agora, dixo, hai recollidas máis de 170 ofertas de 117 empresas diferentes.

Conde concluíu recoñecendo que esta pandemia esixe novos protocolos de prevención sanitaria e, con eles, medios de protección adecuados. E, nese sentido, resaltou que Galicia está demostrando que ten capacidade para aprovisionarse grazas ao saber facer da industria galega e ao compromiso de todo o tecido empresarial.

 

Empresa

Proxecto – Produtos a fabricar

PAZÓ SUAREZ, JAVIER
Pantallas faciais, respiradores e outros elementos en 3D
PLASCIES
Pantallas protectoras ProTetec
REINOSO FERNANDEZ, MANUEL
Mamparas
AIN ACTIVE
Máscaras
VALPER DESECHABLES
Máscaras
IMPRIMEVERDE
Mamparas
CELTCLINIC
Biocidas
ILEVERAUTO
Máscaras faciais
INGENIERÍA Y FABRICACIÓN DEL NORTE
Pantallas faciais
TRESICE INGENIERIA Y CONTROL

Sistema integral de control de temperatura

INLAMA, SOC.COOP.GALEGA
Mamparas
AYUDE IMPRESIONES
Mamparas
MARTÍNEZ PARAJÓ, ENRIQUE

Xeles e solucións hixienizantes

ESPOMASA POLIURETANOS
Máscaras
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/05/2020