O presidente da Xunta visitou a lonxa de Ribeira acompañado pola conselleira do Mar
Feijóo constata o labor fundamental dos profesionais do mar no abastecemento de alimentos de calidade á cidadanía durante a crise do coronavirus

Os profesionais do sector fixeron un importante esforzo para manter o nivel de actividade coa estrita aplicación das medidas de prevención ditadas polas autoridades sanitarias ante a alerta da COVID-19

Permanecer xuntos será necesario para impulsar a demanda e os prezos dos produtos pesqueiros e a rendibilidade da cadea mar-industria de Galicia con iniciativas como a campaña ‘Merca produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco’

Ribeira (A Coruña), 12 de maio de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe en Ribeira o papel clave do sector extractivo de produtos do mar de Galicia no subministro de alimentos de calidade á sociedade desde o inicio da alerta sanitaria polo coronavirus.

Acompañado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, o titular do Goberno galego visitou esta tarde a lonxa ribeirense, a principal de pesca de baixura de Galicia e de España e a que rexistra a maior cantidade de descargas dos portos de titularidade autonómica.

Alí, Feijóo comprobou o importante esforzo que fixo o sector para manter a oferta, malia as dificultades de poñer en práctica as medidas preventivas fronte a esta enfermidade, e corroborou o afán dos profesionais desta lonxa e das do resto de Galicia para manter o nivel da actividade coa estrita aplicación das medidas de prevención ditadas polas autoridades sanitarias, entre elas a suspensión das poxas presenciais, unha medida que se desenvolveu durante un mes, ata finais de abril.

Esas accións sumáronse ás recomendacións de seguridade e hixiene remitidas pola Xunta ás lonxas, á frota e ao marisqueo, así como aos elementos de protección distribuídos nos distintos portos de Galicia para o seu uso polos profesionais da pesca, do marisqueo, das lonxas e do sector bateeiro co obxectivo de evitar contaxios e de favorecer o mantemento da actividade con garantías tanto durante a crise como no futuro.

Pulo á comercialización

Na visita á lonxa de Ribeira tamén se puxo de relevo a importancia de permanecer xuntos no mesmo barco para impulsar a demanda e os prezos dos produtos pesqueiros e a rendibilidade da cadea mar-industria de Galicia. Nesta liña, destacan os controis esenciais realizados polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, que permiten manter a venda dos recursos marisqueiros con todas as garantías sanitarias durante o estado de alarma.

Outra peza clave son os consumidores, aos que a Xunta dirixe a campaña Merca produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco, coa que pretende animar á cidadanía a consumir produtos do mar e agradecer así o esforzo e a entrega dos nosos mariñeiros. Neste eido, e dirixida a fomentar o consumo dos produtos do mar en xeración millennial de Galicia, enmárcase tamén a campaña Vai de Peixe, que se reformulou e adaptou ás circunstancias derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus.

Así mesmo, no ámbito da comercialización, e co obxectivo de obter información que soporte as demandas do sector ante outras administracións, a Xunta realiza un seguimento periódico dos prezos e da actividade das lonxas e mantén contacto continuo co sector produtor para axeitar a oferta á demanda actual e abastecer o mercado impulsando o produto galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/05/2020