A Xunta publica no DOG a encomenda á empresa pública Seaga do control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas para a prevención de lumes cun investimento de 1,8 millóns de euros

O contrato ten unha vixencia de 13 meses e inclúe a roza de vexetación no dominio público das vías, así como o acondicionamento de zonas verdes na contorna de sendas e glorietas

As actuacións contribuirán á eliminación de especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das estradas

O control da vexetación tamén incrementa a seguridade viaria, pois evita a caída de árbores á calzada ou a invasión de espazos transitables por peóns ou ciclistas

Estas actuacións darán cumprimento ao acordo parlamentario para a redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das vías

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a encomenda á empresa pública Seaga do control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas para a prevención de lumes, cun investimento de máis de 1,8 millóns de euros.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/2LqgNdO

O contrato, cunha vixencia de trece meses, inclúe a roza de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como traballos de acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

Por unha parte, estas actuacións contribuirán á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta.

Cómpre lembrar que a Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia recolle a busca da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa presente de modo que as estradas actúen como “cortalumes”.

A Axencia Galega de Infraestruturas vén intensificando nos últimos anos as accións de prevención de lumes, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.

Por outra parte, o control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas.

Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.

Tamén en cumprimento dese acordo, a Axencia Galega de Infraestruturas deu instrucións ás empresas concesionarias das autoestradas e autovías de titularidade autonómica para que evitasen en todo o posible o uso de herbicidas nos labores de conservación das vías.

Ademais, a Xunta de Galicia dirixiuse ao resto de administracións con competencias na xestión de vías para darlles traslado do dito acordo parlamentario e instarlles ao seu cumprimento.

Data de actualización: 13/05/2020