A Xunta inicia hoxe as obras que completan o reforzo de firme en distintos treitos da estrada autonómica PO-313, ao seu paso polos concellos de Moaña e Marín

Actuarase entre San Tomé de Piñeiro e Broullón, puntos quilométricos 7 e 12, e en Quintela, dende o punto quilométrico 15+900 ata o 16+420

Os traballos comezarán este mediodía e prolongaranse durante o sábado día 16 para o seu remate

Para a súa execución faise necesario o corte dun carril, habilitándose o tráfico alternativo polo que queda libre

A próxima semana seguirán as obras na CG-4.1, para intervir no treito final desta vía de alta capacidade do Morrazo, entre os puntos quilométricos 12+100 e 15+000, nos municipios de Moaña e Cangas

Estas actuacións forman parte dun contrato de obras de mellora en distintas estradas autonómicas, cun investimento de máis de 1,2 millón de euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén como obxectivo prioritario a conservación da rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas
 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inicia hoxe as obras que completarán as actuacións de reforzo de firme na estrada PO-313, ao seu paso polos concellos de Moaña e Marín.

Os traballos nesta estrada comezarán este mediodía e prolongaranse durante o sábado día 16 para o seu remate. Actuarase entre San Tomé de Piñeiro e Broullón, puntos quilométricos 7 e 12, e en Quintela, dende o punto quilométrico 15+900 ata o 16+420.

Cómpre lembrar que no outono o departamento de Infraestruturas da Xunta realizou nestes tramos saneos e fresados localizados e agora procederase o selado da rodadura completando as tarefas de rehabilitación de firme.

Estas obras farán necesario o corte do carril no que se executan os traballos, dándose tráfico alternativo polo outro carril

Luns e martes actuación na CG-4.1.


Para reforzar e mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios das estrada da comarca, o departamento de Infraestruturas da Xunta ten programado tamén actuar o luns e martes da próxima semana na CG-4.1. Intervirase no treito final desta vía de alta capacidade do Morrazo, entre os puntos quilométricos 12+100 e 15+000, nos concellos de Moaña e Cangas.

Ambas as intervencións enmárcase no contrato de obras de mellora do firme en distintas estradas autonómicas das comarcas do Morrazo, Deza e Pontevedra, adxudicadas á empresa Construcciones Taboada y Ramos, S.L, cun investimento autonómico de máis de 1,2 millón de euros.

Con estas intervencións a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas
 

Data de actualización: 14/05/2020