A conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha videoconferencia co equipo responsable deste proxecto para supervisar o seu avance e as medidas de prevención adoptadas con motivo do COVID-19
A Xunta constata que o actual ritmo nas obras de mellora do saneamento de Pontedeume, cun investimento de 4,2 millóns de euros, permitirá rematalas nos primeiros meses do ano 2021

Os traballos, cun grado de execución que rolda o 20%, estanse a centrar no novo colector interceptor, duns 1.000 metros de lonxitude, estando xa colocado o 40%

Este colector parte do paseo marítimo, cruza a estrada nacional e percorre a zona portuaria ata o novo tanque de tormentas, onde se está a acometer un baipás

As obras completaranse cunha cámara anexa ao tanque de tormentas e cun bombeo que enviará ás augas á depuradora de Centroña

Tamén se está a acometer unha parte da renovación da rede de abastecemento, no tramo afectado polas obras do novo colector

Ethel Vázquez subliña que esta actuación é estratéxica para o saneamento integral das rías, beneficiando a pesca, o marisqueo, a acuicultura, o turismo e a saúde

Avanza que, se o Concello de Cabanas axiliza a tramitación da ocupación dos terreos, a Xunta licitará a finais de ano novas actuacións de saneamento nese municipio cun orzamento de 4,2 millóns de euros

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2020

A Xunta constata que o actual ritmo nas obras de mellora do saneamento de Pontedeume, cun investimento de 4,2 millóns de euros, permitirá rematalas nos primeiros meses do ano 2021.

A conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo unha videoconferencia co equipo responsable deste proxecto para supervisar o seu avance e as medidas de prevención adoptadas con motivo do COVID-19.

No encontro constatouse, en primeiro lugar, que estes traballos se están a realizar coas necesarias medidas de protección da saúde dos profesionais para evitar os contaxios.

En canto á evolución das obras, que xa se atopan ao 20% da súa execución total, estase a traballar actualmente no novo colector interceptor, que terá unha lonxitude duns 1.000 metros e que xa está instalado ao 40%.

Este colector parte do paseo marítimo, cruza a estrada nacional e percorre a zona portuaria ata chegar á área do novo tanque de tormentas, onde tamén se está a acometer un baipás. O tanque de tormentas será un depósito soterrado que regulará os caudais e evitará posibles vertidos.

As obras completaranse cunha cámara anexa ao tanque de tormentas e cun bombeo que enviará ás augas á depuradora de Centroña.

Ademais comezouse a executar unha parte da renovación da rede de abastecemento, no tramo afectado polas obras do novo colector.

Ethel Vázquez subliñou que os obxectivos destas obras son minimizar as infiltracións de auga mariña na rede de saneamento, reducindo as achegas de augas brancas e salinas á depuradora e a eliminación dos vertidos na fachada marítima.

Destacou que a intervención beneficiará aos veciños e ao sector marisqueiro da ría, que verán mellorado o servizo de saneamento e depuración e, polo tanto, a calidade de vida.
Fixo fincapé en que esta actuación é estratéxica para a mellora da calidade das augas e para avanzar no saneamento integral das rías galegas, cos beneficios que implica para a pesca, o marisqueo, a acuicultura, o turismo e a saúde.

A Xunta tamén segue traballando nas seguintes fases do proxecto, con novas actuacións de saneamento en Cabanas. Se o Concello axiliza os trámites necesarios para a ocupación dos terreos ante Costas, o Goberno galego licitará a finais de ano estas obras, dotadas dun orzamento de 4,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2020