A Xunta reactiva o proceso de contratación das obras de mellora dos accesos aos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña, en Vigo, cun investimento de 700.000 euros

En total 13 empresas presentaron as súas ofertas para a execución destes traballos

Estas obras, que se prevén executar no verán, teñen como obxectivo favorecer a mobilidade dos pacientes e do persoal sanitario que se achega cada día a estes dous hospitais

Actuarase nos viarios interiores coa renovación do firme ou a mellora das beirarrúas e habilitaranse 23 pasos de peóns

No Meixoeiro habilitarase un viario para facilitar as comunicacións dentro do recinto e no Nicolás Peña mellorarase o aparcadoiro
 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020

A Xunta de Galicia vén de reactivar o proceso de contratación das obras de mellora dos accesos aos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña, que comezarán en verán, cun investimento de 700.000 euros. Un total de 13 empresas presentaron as súas ofertas para a execución dos traballos.

O procedemento de contratación das obras permaneceu suspendido durante varias semanas debido ao estado de alarma e puido ser reactivado tras declarar o Consello da Xunta o seu carácter esencial.

O obxectivo fundamental destas obras é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos destes hospitais, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións destes dous hospitais vigueses.

Actuarase nos viarios interiores coa renovación do firme, a mellora das beirarrúas, a reordenación de espazos nas entradas a estes dous centros hospitalarios e habilitaranse 23 pasos de peóns.

No Hospital Meixoeiro habilitarase un novo viario para facilitar as comunicacións dentro do propio recinto. Será un treito que facilitará a subministración ao propio hospital, evitando que os vehículos que traen o material necesario teñan que saír marcha atrás ou por dirección prohibida.

Tamén se mellorará o aparcadoiro do Nicolás Peña e actuarase nos itinerarios peonís para incidir sobre a accesibilidade e facilitar os desprazamentos a pé dos usuarios.

Ademais mellorarase a sinalización para reordenar a circulación e regular o estacionamento, ademais da reposición de diversos elementos como vallas peonís ou bolardos.

 

Estas actuacións están enmarcadas nos proxectos de mellora da accesibilidade que está a impulsar o Goberno galego nos principais centros hospitalarios públicos de Galicia.

Os traballos foron planificados cos responsables do Servizo Galego de Saúde, analizando as necesidades de actuación. As obras executaranse de modo coordinado cos equipos técnicos sanitarios do Meixoeiro e do Nicolás Peña para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.
 

Data de actualización: 15/05/2020