A Xunta reactiva a contratación das obras de mellora dos accesos aos hospitais da Coruña, Santiago, Ferrol, Cee e o Barbanza

Un total de 10 empresas presentaron as súas ofertas para optar á execución das obras

Estas actuacións, que comezarán en verán, contan cun investimento global autonómico dun millón de euros

As intervencións céntranse no acondicionamento dos viarios e aparcamentos e na renovación do firme e das beirarrúas

O obxectivo das obras é favorecer a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións destes hospitais

As obras, planificadas e coordinadas co Sergas, están enmarcadas nos proxectos de mellora da accesibilidade que está a impulsar o Goberno galego nos principais centros hospitalarios públicos de Galicia
 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020

A Xunta de Galicia vén de reactivar a contratación das obras de mellora dos accesos aos complexos da área hospitalaria da Coruña, que comezarán en verán. Un total de 10 empresas presentaron as súas ofertas á execución destes traballos.

O procedemento de contratación das obras permaneceu suspendido durante varias semanas debido ao estado de alarma e puido ser reactivado tras declarar o Consello da Xunta o seu carácter esencial.

Estas actuacións, cun investimento global dun millón de euros, levaranse a cabo nos accesos aos hospitais Arquitecto Marcide, Naval e Novoa Santos, en Ferrol; Lavandería Sergas e Teresa Herrera, na Coruña; Virxe da Xunqueira, en Cee; CHUS, Gil Casares e Conxo, en Santiago; e do Barbanza, Ribeira.

O obxectivo das obras é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos destes hospitais, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións destes hospitais.

Nos centros hospitalarios de Ferrol as obras céntranse nos viarios e aparcamentos, fundamentalmente, na renovación do firme e das beirarrúas.

As obras no Hospital Naval implicarán a renovación do firme do vial perimetral, de preto de 1 km de lonxitude, ademais de actuar sobre uns 5000 m² dos aparcamentos. No caso dos hospitais Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos as actuacións prevén a renovación do firme nos treitos máis deteriorados.

No caso da Coruña, mellorarase a vía perimetral do Hospital Teresa Herrera, coa renovación do firme, a mellora das beirarrúas ou a habilitación de novas zonas de aparcadoiro, habilitando novas prazas de forma ordenada e creando unha beirarrúa adaptada para persoas con mobilidade reducida.

Nos accesos aos complexos hospitalarios de Santiago, Cee e de Ribeira tamén se executarán traballos de mellora do firme, dos aparcadoiros e das beirarrúas.

As actuacións están enmarcadas nos proxectos de mellora da accesibilidade que está a impulsar o Goberno galego nos principais centros hospitalarios públicos de Galicia.

Os traballos foron planificados cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuación. As obras executaranse de modo coordinado cos equipos técnicos sanitarios dos complexos para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.
 

Data de actualización: 15/05/2020