A Xunta abrirá esta tarde o paseo da Malata, que quedará aberto durante as fins de semana para a circulación peonil

Esta zona de Ferrol, afectada polas obras de saneamento, quedará aberto para os desprazamentos a pé a última hora da tarde

Garantirase un ancho mínimo de 2 metros nas catro zonas puntuais onde se executan os cruces de pluviais

A construción do colector fai necesario, por cuestións de seguridade, restrinxir a circulación no paseo mentres se realizan traballos na zona

O grado de execución actual das obras de saneamento da Malata supera o 50%

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020

A Xunta de Galicia abrirá esta tarde o paseo da Malata, en Ferrol, que quedará aberto á circulación peonil durante as fins de semana. Entre as 19 e as 20 horas e ata o vindeiro luns, esta zona de Ferrol afectada polas obras de saneamento que executa a Administración autonómica, quedará habilitada para o tránsito dos cidadáns.
A execución do colector previsto nese paseo marítimo require, previamente, a construción de catro cruces de pluviais que esixiron cortar o tráfico peonil, por cuestións de seguridade.
En todo caso, para favorecer que os veciños poidan desprazarse polo paseo cando non haxa actividade, a Xunta habilitará, desde hoxe e nas fins de semana, a zona para permitir os desprazamentos a pé. Por cuestións de seguridade, será preciso manter o espazo cortado nos días laborables durante varias semanas máis.
Deste xeito, o paseo marítimo da Malata quedará aberto durante as fins de semana, garantíndose un ancho mínimo de 2 metros para a circulación nesas catro zonas puntuais onde se están a executar os cruces de pluviais. Facilítase así o tránsito peonil, non permitíndose, polo momento, a utilización do carril bici. En todo caso, a zona estará debidamente valada e sinalizada.
Unha vez rematados os catro cruces de pluviais, a execución do colector permitirá o tránsito peonil e só quedará afectado o carril bici.
Nestes momentos as obras de saneamento da Malata avanzan a bo ritmo e están executadas ao 50%. Tanto o tanque de tormentas como a estrutura de regulación da Malata teñen as súas estruturas moi avanzadas e xa se executaron máis de 1.350 dos 4.000 metros de colectores interceptores proxectados. Ademais, o tanque de tormentas do entorno do CIS, na Cabana, está xa practicamente rematado e só pendente da instalación dos equipos e das acometidas. Así, de acordo á posta en servizo planificada por fases, antes do verán poderá conectarse ao sistema de saneamento o entorno da Cabana, co que a metade da enseada quedará libre de vertidos mentres se completan as obras na zona da Malata.
Co saneamento da Malta o Goberno galego segue a avanzar nunha das súas prioridades na última década: acadar o saneamento integral das rías galegas.

Data de actualización: 15/05/2020