Portos de Galicia executa melloras de conservación e mantemento no peirao de Corme, en Ponteceso

Entre as actuacións inmediatas figuran a reposición dos fingers dos pantaláns e a mellora do pavimentoA Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e mantemento das infraestruturas no peirao de Corme, no municipio coruñés de Ponteceso. Así o trasladou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, aos usuarios das instalacións nunha recente visita á zona.

Nos vindeiros días comezarán ademais novas obras que contribuirán á mellora das instalacións na lámina de auga e incluirán a reposición dos fingers dos pantaláns así como a implantación de medidas preventivas para paliar temporalmente a rotura de táboas e o risco de escorregadas no pavimento dos pantaláns. Estas medidas supoñen unha solución de transición á espera da renovación total do pavimento, unha actuación que Portos de Galicia está a tramitar.

Susana Lenguas informou destes compromisos ao patrón maior da Confraría de Corme e aos representantes municipais de Ponteceso durante unha visita de traballo para afondar nas necesidades do sector profesional que opera neste peirao. A presidenta de Portos avaliou diversas peticións dos mariñeiros, entre as que se atopan as relativas á ordenación do peirao, para o que o sector presentará ao ente público unha proposta propia.

Finalmente, a presidenta de Portos informou tamén de que o organismo autonómico estudiará unha solución técnica para a vía de acceso ao peirao, que presenta problemas de acumulación de pluviais. Deste xeito preténdese mellorar a seguridade viaria nesta zona e minimizar as molestias aos peóns.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 18/05/2020