A Xunta destina 6 M€ á internacionalización de pemes, comercio e autónomos a través do seu plan de dixitalización

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse mediante videoconferencia con representantes da Confederación de Empresarios de Ourense

O Plan de dixitalización que o Goberno autonómico acaba de aprobar mobilizará 40M€ entre o tecido empresarial, o colectivo autónomo e o sector comercial para que se adapten ao novo contexto económico

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo hoxe unha videoconferencia coa Confederación de Empresarios de Ourense, na que lles trasladou as novas medidas que o Goberno galego está activando para iniciar a recuperación económica e paliar as consecuencias da crise derivada do Covid-19. Destacan os apoios por un importe total de 6M€ para a internacionalización de pemes, comercio e autónomos a través do Plan de dixitalización, a chave que permitirá abrir novos mercados e reactivar a economía galega.

Así, o programa Galicia Exporta Dixital, que está en marcha con 2M€ de orzamento, reforzarase cunha nova convocatoria a finais de xuño que lle permitirá sumar outros 4M€. Está dirixido a pemes, comercios minoristas e autónomos que, en concorrencia non competitiva, poderán acceder a apoios de ata o 80% nos seus proxectos de internacionalización dixital como selección de mercados e canles de vendas, plans de mercado electrónico, asesoramento xurídido e legal, adquisición de equipos de última xeración, creación de tendas e catálogos en liña, campañas de posicionamento e servizos de call center internacional.

Con esta iniciativa, preténdese adaptar os negocios á situación xerada polo Covid-19, utilizando a dixitalización como a panca que reactivará a posición de Galicia nos mercados internacionais, abrindo novas oportunidades para mellorar a competitividade do tecido empresarial.

A medida forma parte do Plan de dixitalización que a Xunta acaba de aprobar e que mobilizará 40M€. Ademais das axudas á internacionalización, inclúe apoios para a adquisición de material e desenvolvemento de procesos produtivos que permitan dixitalizar as empresas; facilitar o teletraballo; e impulsar a dixitalización tanto no eido da economía social, como nos proxectos do rural e no comercio de proximidade.

Ademais de explicar estas novas medidas, durante a videoconferencia Conde interesouse por como se está desenvolvendo a volta á actividade no tecido empresarial da provincia de Ourense -que alberga un dos maiores parques industriais de Galicia, o polígono de San Cibrao das Viñas- e quixo contar coas achegas do empresariado ourensán para superar esta situación.

Conde tamén lembrou que o Goberno galego está afrontando o contexto actual desde a prevención -co reparto de preto de catro millóns de máscaras no tecido empresarial, a elaboración de guías de seguridade e saúde laboral ou liñas de axudas por 7,5M€ para a fabricación de material sanitario e de protección en materia laboral-; a inmediatez, con apoios para inxectar liquidez a pemes e autónomos e aliviar as cargas fiscais; con transparencia e información, grazas á posta en marcha da xanela única do Igape Responde; e desde a anticipación, consultando a expertos e aos principais axentes económicos e sociais para deseñar as mellores medidas que permitan iniciar a recuperación canto antes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/05/2020