A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo hoxe unha reunión con Sandra Quintas
Ethel Vázquez informa á alcaldesa de Bande da axdudicación das obras de mellora da accesibilidade e o tránsito peonil nas marxes da estrada OU-540, en Santa Comba

A responsable de Infraestruturas da Xunta avanzoulle á rexedora que a actuación, cun orzamento autonómico de máis de 35.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e conta cun prazo de execución de 3 meses

Trátase da renovación das beirarrúas en ambas as marxes desta vía, entre os puntos quilométricos 49+775 e 49+895, para dotalas de largo e pavimento adecuado á normativa de accesibilidade vixente

As novas beirarrúas acadarán un largo de 3 metros, manténdose as dimensións da beiravía existente e a posición do actual bordo

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión coa alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, na que lle informou da adxudicación das obras para a mellora da accesibilidade e o tránsito peonil nas marxes da estrada OU-540, en Santa Comba.
A responsable de Infraestruturas da Xunta avanzoulle que as obras comezarán nas vindeiras semanas e disporán dun prazo de execución de 3 meses. Os traballos, cun investimento autonómico de máis de 35.000 euros, serán executados pola empresa Opaga 003 S.L.
Trátase da execución de novas beirarrúas no treito da vía de titularidade autonómica, ao seu paso polo municipio, entre os puntos quilométricos 49+775 e 49+895. Actualmente, as beirarrúas atópanse en mal estado, con zonas parcialmente levantadas, e con tramos con apenas 1 metro de largo.
No encontro coa rexedora, explicoulle que estas obras permitirán renovar as beirarrúas existentes en ambas as marxes, dotándoas de anchura e pavimento adecuado á normativa de accesibilidade vixente.
As novas beirarrúas proxectadas acadarán un largo mínimo de 3 metros, aproveitando a franxa do dominio público da estrada, manténdose as dimensións da beiravía existente e a posición do actual bordo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/05/2020