Carmen Pomar presidiu hoxe a reunión do grupo de traballo para a posta en marcha desta iniciativa
A Consellería de Educación traballa coas universidades na implantación da docencia mixta desde o vindeiro curso

Os centros que se unan ao Programa de transformación á docencia innovadora no SUG deberán implantar medidas tanto de organización académica coma no eido sanitario

Recibirán a acreditación como Centros DOING

Todo o proceso será apoiado por FEUGA e supervisado academicamente pola ACSUG

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional traballa coas universidades galegas na implantación da docencia mixta (ao estilo do coñecido a nivel internacional como blended learning) a partir do vindeiro curso. Trátase dun modelo que afondaría nos principios fundacionais do Plan Bolonia e do Espazo Europeo de Educación Superior, tal e como llo explicou hoxe a conselleira, Carmen Pomar, aos membros do grupo de traballo creado ad hoc para a posta en marcha desta iniciativa. Desenvolverase a través dun Programa de transformación á docencia innovadora no SUG, que acabará de perfilarse nas próximas semanas no marco deste grupo de traballo.

O proceso iniciarase en fase piloto e voluntaria no curso 2020/2021. Os centros que decidan adherirse ao programa neste momento comprométense a impartir integramente as materias dun título de grao mediante este sistema de docencia mixta. O curso 2021/2022, de xeneralización, sería o de implantación deste modelo na maioría das titulacións de grao universitario impartidas polas universidades do SUG.

Segundo explicou a conselleira, a transformación estrutural que se pretende acadar con este programa é un proceso complexo e só pode afrontarse dende unha perspectiva multidimensional na que se fai imprescindible a integración de diversas actuacións máis aló da estritamente docente, e abrangue medidas de carácter sanitario, tecnolóxico, de avaliación e financeiro.

Todo o proceso será apoiado pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e supervisado academicamente pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Os centros e títulos de grao que participen nesta iniciativa deberán presentar unha relación xustificada de gastos e investimentos, directamente relacionados coas accións do programa, que se incluirán dentro do convenio que a Consellería asinará con cada unha das universidades, antes do comezo do vindeiro curso académico para cofinanciar a posta en marcha do Programa. As universidades poderán notificar os centros e titulacións de grao interesadas en adherirse á fase piloto a mediados de xuño.

Eido sanitario

No eido sanitario, os centros que voluntariamente decidan adherirse ao presente programa, na súa fase piloto deberán reforzar estas medidas e incluír na súa solicitude de adhesión un plan de prevención para cada facultade.

Nel especificaranse as medidas pertinentes a nivel de etiqueta respiratoria, saúdos de cortesía, desinfección dos centros, limitacións de aforo, distancia de seguridade e elementos separatorios; ou posibilidades como facilitar o teletraballo en modalidade non presenciais, establecer quendas ou revisar os protocolos de uso de laboratorios ou de desenvolvemento das prácticas nas diferentes titulacións, entre outras.

Organización académica

En calquera caso as accións principais desta iniciativa deberán desenvolverse no ámbito da organización académica e ter como destinatario principal o alumnado, na liña do establecido no Plan Bolonia, que tiña entre os seus obxectivos a modificación das metodoloxías de ensino para que o alumnado asuma un papel máis activo no proceso de aprendizaxe. Isto leva consigo proceder á adaptación dos sistemas de avaliación para avanzar cara a avaliación continua, como complemento ao tradicional sistema de exame final.

O obxectivo do sistema de docencia mixta que pretende implantarse é avanzar neste sentido e quedará plasmado na guía docente de cada unha das materias que forman parte do plan de estudos de cada titulación que se sume ao programa. Para unirse a este proceso de innovación na docencia a titulación deberá propoñer, como mínimo, dous sistemas de avaliación do alumnado, de libre elección polo estudantado. A cualificación final máxima non pode variar calquera que sexa o sistema de avaliación elixido. Ademais deberá existir a posibilidade de aprobar cada materia, xa sexa cuadrimestral ou anual, con anterioridade ao exame final, en caso de habelo.

O sistema de avaliación continua será o sistema por defecto nas guías docentes, e incorporará o máximo de actividades que faciliten a avaliación ao longo de todo o período lectivo. Sempre que sexa posible, estableceranse sistemas alternativos de avaliación, por motivos de forza maior, para actividades de campo, laboratorio, e prácticas en xeral. Así mesmo incorporaranse intensificacións dos contidos nos distintos períodos, de tal forma que non se impartan, de xeito simultáneo, máis da metade das materias de cada cuadrimestre.

Serán as propias universidades as que soliciten incorporarse ao Programa de transformación á docencia innovadora no SUG. Unha vez presentada a solicitude de adhesión dunha titulación ao programa e cumpridos os requirimentos, o centro no que se imparta recibirá da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a autorización para publicitar interna e externamente a súa condición de Centro DOING (Docencia Innovadora do SUG).

Recursos dixitais

Unha parte esencial do programa consiste en que os centros acometan investimentos materiais que acompañen o esforzo do profesorado para que a docencia mixta dun título se desenvolva en condicións similares á docencia presencial pura clásica. Isto pasa tanto pola formación do persoal docente investigador para que poida impartir formación de calidade nestas mesmas circunstancias como pola mellora da docencia virtual (adquisición de hardware, materiais e licenzas, entre outros aspectos) e o afondamento nas posibilidades de seguimento virtual do alumnado.

Polo tanto, os centros que se sumen a este Programa deben poñer a dispor do seu alumnado en físico (nas bibliotecas) e en virtual (nas aulas virtuais), a totalidade do material docente básico que precise para obter a máxima cualificación nunha materia; así como o resto de material como programas informáticos especializados, simuladores, e calquera outro material alternativo a actividades físicas prácticas contidas na guía docente. Ademais será necesario que optimicen as súas canles webs e os contidos que conteñen.

Grupo de traballo

O seguimento, avaliación, e melloras de todas as actividades do programa, correrá a cargo dos membros do grupo de traballo reunido hoxe, integrado pola vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional da Universidade de Santiago de Compostela, María José López Couso; pola vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente da Universidade da Coruña, Nancy Vázquez Veiga; polo vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo, Manuel Ramos Cabrer; pola presidenta do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela (en representación dos Consellos Sociais), Cecilia Sierra; polo director xeral de Feuga, Francisco Javier Pereiro Pérez; e polo director da ACSUG, Eduardo López Pereira.

Así mesmo forman parte deste grupo Mª Jesús Purriños Hermida, do Servizo de Epidemioloxía do SERGAS; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e as subdirectoras xerais de Universidades, Beatriz Soutelo Ferro, e de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Mª Jesús Tallón Nieto.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2020