A Xunta amplía o prazo para solicitar as axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais

O prazo de presentación de solicitudes, así como o procedemento de concesión das subvencións, quedara en suspenso tras a declaración do estado de alarma

Coa publicación no DOG de hoxe, os interesados disporán de 45 días hábiles máis para solicitar as achegas

Estas axudas, que ascenden aos seis millóns de euros, buscan facilitarlles aos propietarios que dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e que garanta unha xestión sustentable do monte
 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se continúa o prazo de presentación de solicitudes das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais (IOXF), ao levantarse a suspensión decretada pola declaración do estado de alarma. Así mesmo, prosegue o procedemento de concesión destas subvencións cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, que contan cun orzamento de seis millóns de euros.

A finalidade desta liña de achegas é facilitarlles aos propietarios que dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e que garanta unha xestión sustentable do monte. Así, estes fondos permiten subvencionar a redacción dos instrumentos de ordenación tales como proxectos de ordenación, documento simple de xestión, documentos compartidos de xestión e as comunicacións da adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou outros modelos de xestión forestal, como os sistemas silvopastorís.

As comunicacións de adhesión a modelos silvícolas ou de xestión forestal serán imprescindibles para a realización de aproveitamentos forestais naqueles montes de menos de 15 hectáreas a partir do 31 de decembro de 2020 e para o resto será a partir do 31 de decembro de 2028. Polo tanto, existe unha necesidade de impulsar de xeito decidido este tipo de ferramentas que se adaptan ao tamaño destas propiedades e á súa intensidade de uso.

Asemade, e co fin de fomentar a certificación forestal, todos os IOXF obxecto de axuda terán que presentarse entre os meses de abril e xuño de 2021. Feita a súa presentación, disporán do prazo dun ano para certificarse mediante, cando menos, un sistema internacionalmente recoñecido.

O novo prazo de presentación de solicitudes será de 45 días hábiles dende hoxe, día no que se publica esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Enlace á publicación no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200520/AnuncioG0426-140520-0001_gl.html
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/05/2020