A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade reuniuse esta mañá con representantes das empresas Alsa e Cal Pita, que prestan servizos na área da Coruña e Ferrol
Ethel Vázquez aborda co Grupo Alsa a situación do transporte público por estrada e as medidas de protección da saúde adoptadas cando se rexistra xa un incremento de usuarios

Desde o pasado 11 de maio tense multiplicado case por tres o número de expedicións e máis que duplicado a demanda nos servizos de transporte que prestan as empresas do Grupo Alsa

A Xunta e os representantes do sector coinciden na necesidade de garantir unha mobilidade segura, co estrito cumprimento das medidas de hixiene e protección da saúde, tanto de viaxeiros como de traballadores, no transporte público

A conselleira de Infraestruturas lembra a solicitude feita ao Goberno central dun fondo de compensación de 8 millóns para paliar as consecuencias da caída da demanda durante o estado de alarma
 

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo, por videoconferencia, con representantes do Grupo Alsa para abordar a situación do transporte público de viaxeiros por estrada e as medidas de protección da saúde adoptadas, cando se comeza a rexistrar xa un incremento no número de viaxeiros. Nas liñas nas que opera este grupo de transportes tense máis que duplicado a demanda de usuarios desde o 11 de maio con respecto á rexistrada nas semanas previas do estado de alarma.

No encontro, no que participaron o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, o director de Zona Noroccidental de Alsa, Miguel Ángel Marqués Rodríguez, e Fernando Míguez, xerente de Autos Cal Pita, tanto a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade como os representantes de Alsa coincidiron na necesidade de manter o estrito cumprimento das medidas de seguridade e saúde de traballadores e viaxeiros no transporte público, para garantir unha mobilidade segura.

Ethel Vázquez lembrou que o pasado día 11 de maio entraron en vigor as medidas impulsadas pola Xunta para reactivar o transporte público de competencia autonómica en condicións de seguridade, tanto para usuarios como para os traballadores do sector, ao tempo que se atenden as necesidades de mobilidade.

Na reunión constatouse que nas liñas nas que opera o Grupo Alsa, o transporte metropolitano de Ferrol, a liña metropolitana A Coruña-Sada-Betanzos e o servizo entre A Coruña e Santa Comba, se están a cumprir escrupulosamente as medidas de seguridade.

Solicitude de fondo de compensación ao Goberno español

A titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén informou aos representantes de Alsa da solicitude que ten feito a Xunta ao Goberno de España para que habilite un fondo de compensacións, de 8 millóns de euros, para paliar as consecuencias no sector das restricións de mobilidade impostas polo estado de alarma.
A caída de pasaxeiros dun 97% que experimentou o conxunto do sector, algo menor, no caso concreto dos servizos de transporte metropolitano que presta o Grupo Alsa, cunha diminución de arredor do 93%, xera unhas necesidades adicionais de financiamento para as concesións actuais afectadas polo estado de alarma. Por iso a Xunta se dirixiu ao Goberno central solicitando ese fondo de compensación de 8 millóns.
Na reunión tamén se constatou que nos últimos días e, pouco a pouco, se está a incrementar o número de viaxeiros que utilizan o transporte público.

No caso concreto dos servizos prestados polo Grupo Alsa, desde que se iniciou a reactivación do transporte público da Xunta, o pasado 11 de maio, xa se teñen multiplicado case por tres o número e expedicións con respecto ao período anterior do estado de alarma, mentres a demanda se ten máis que duplicado nos últimos dez días.

Constátase así que se están a cumprir as medidas establecidas pola Xunta para reactivar os servizos de transporte público de viaxeiros por estrada dun xeito paulatino e coa máxima seguridade, de acordo ás necesidades de mobilidade de cada momento e garantindo, en todo caso, as medidas sanitarias necesarias e que a cidadanía poida acceder aos seus postos de traballo e aos servizos básicos coas máximas garantías.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/05/2020