O presidente da Xunta, acompañado do conselleiro do Medio Rural, visitou as instalacións de Queserías Sarrianas, na localidade lucense de Sarria
A Xunta anticipará entre maio e xuño o pago de diversas axudas que xestiona para o agro galego

A medida adóptase para inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores por mor da emerxencia sanitaria en liña coas recomendacións do comité de expertos económicos da Xunta

Por un lado, axilizarase o pago de subvencións xa concedidas e pendentes de comprobación en campo e pago pola Administración

Por outra banda, anticiparase ata un 50% das axudas agrícolas, gandeiras e de desenvolvemento rural cofinanciadas por fondos europeos, como as de plans de mellora e desenvolvemento de pequenas explotacións ou a iniciativa Leader

Ademais, acordouse asinar un convenio coas entidades financeiras para o anticipo aos destinatarios das achegas da PAC correspondentes a 2020

Sarria (Lugo), 21 de maio de 2020

A Xunta anticipará o pago de preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural co obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores por mor da emerxencia sanitaria, en liña coas recomendacións do comité de expertos económicos da Xunta. Estes fondos, que se adiantarán entre maio e xuño, terán un impacto directo e inmediato nas economías dos axentes do sector.

O Plan de liquidez que vai aplicar o Goberno galego estrutúrase en tres medidas. En primeiro lugar, a axilización do pago de subvencións xa concedidas e que están unicamente pendentes de comprobación en campo e pago por parte da Administración. Ademais, mañá mesmo publicarase no Diario Oficial de Galicia unha orde que se aplicará a todas as subvencións convocadas pola Consellería que se atopen nesta situación. Deste xeito darase flexibilidade aos controis no campo, co fin de adiantar os seus pagos aos meses de maio e xuño. A contía conxunta desta axilización de pagos é de 65,7 millóns de euros, dos cales preto de 16 millóns estanse a aboar nestes días.

A maiores, a Xunta anticipará ata un 50% -ata o momento, na maioría dos casos os anticipos eran tan só do 10%- das achegas agrícolas, gandeiras e de desenvolvemento rural das convocatorias cofinanciadas por fondos europeos, como as de plans de mellora e desenvolvemento de pequenas explotacións ou a iniciativa Leader. En total, adiantaranse por este concepto uns 18,5 millóns de euros. Neste caso concreto farase sen necesidade de que o interesado aporte aval da entidade bancaria.

Anticipo da PAC

Ademais, en terceiro lugar, este Plan de liquidez contempla a sinatura dun convenio coas entidades financeiras para o anticipo aos destinatarios das axudas da PAC correspondentes ao 2020, que supoñen arredor de 210 millóns de euros. Estas achegas non requiren obra nin investimento e adoitan cobrarse de forma ordinaria nos meses de outubro e decembro, aproximadamente, de cada ano.

En virtude deste convenio, as entidades adiantarían as axudas e a Xunta asumiría os intereses, de forma que o sector poida cobrar a PAC canto antes e sen ningún tipo de custo nin xuros para os gandeiros e agricultores para que calquera deles perciba a PAC tan pronto como a solicite.

Comisión de expertos

Neste contexto, con todas estas medias o Goberno galego segue, por unha banda, unha das recomendacións feitas pola comisión de expertos económicos creada pola propia Xunta, no sentido de promover unha efectiva axilización e pago de todos os expedientes administrativos relacionados con subvencións xa aprobadas.

Por outra parte, tamén se cumpre co establecido polo regulamento de execución aprobado recentemente pola Comisión europea, na mesma liña de axilizar e flexibilizar os controis administrativos e sobre o terreo para o pagamento dos fondos Feader. Así, por parte da UE abríronse dúas posibilidades para substituír as visitas de certificación. Ou ben cambialas por calquera medio de proba documental, incluídas fotografías xeotiquetadas aportadas polo beneficiario, ou ben, de non ser posible isto, realizar o control unha vez feito o pagamento final.

Así, é preciso dotar de liquidez aos agricultores e gandeiros que estiveron ao pé do canón ao longo da emerxencia sanitaria, xa que co seu compromiso e dedicación permitiron que nas nosas mesas non faltara de nada nesta difícil etapa.

Nesa liña, tamén está a rede Mercaproximidade, a canle alternativa de venda promovida pola Xunta para dar saída aos produtos dos agricultores e gandeiros galegos durante a emerxencia sanitaria. Xa se adheriron a ela como provedores máis de 450 produtores e industrias e practicamente todas as cadeas de distribución que operan en Galicia.

Ademais, a Xunta adquiriu a través desta vía numerosos alimentos a empresas como Queserías Sarrianas, non só para axudalas ante o peche das súas canles habituais de comercialización, senón tamén para poñer ao alcance dos colectivos máis vulnerables producións de proximidade e calidade diferenciada.

En paralelo, a Xunta ten en marcha unha campaña de concienciación e sensibilización para animar á cidadanía a consumir produtos agroalimentarios galegos e a poñelos en valor mediante a gastronomía.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/05/2020